Hospitalizan a unha menor en Barcelona despois de participar nun reto suicida

O "xogo" é coñecido como "A Balea Azul" e é o primeiro caso que se detecta en España

Unha adolescente ingresou nun hospital de Barcelona tras participar supostamente nalgunhas probas dun xogo virtual coñecido como "A Balea Azul" no que os participantes van superando retos perigosos ata chegar ao suicidio, confirmaron fontes próximas á investigación.

Este caso, adiantado pola Cadea Ser, é o primeiro que se detecta en España, e foi a contorna da menor o que alertou á familia de que participaba nese xogo. "A Balea Azul" ten un funcionamento simple pero perigoso e, na súa última fase pode chegar a ser mortal.

Unha vez que o participante se inscribe no xogo asígnaselle un "curador", que lle propón diferentes retos que debe superar nos seguintes 50 días, e que deberá demostrar con fotografías ou gravándose en vídeo que se soben a internet.


Os Mossos continúan traballando no caso para corroborar a autenticidade da versión da contorna da moza


Os adolescentes reciben mensaxes no seu teléfono ou en perfís de Facebook coas probas que deben realizar, tales como debuxar unha balea nun papel, cortarse os beizos, facerse un buraco na man, tatuarse unha balea no brazo cunha coitela ou pasar 24 horas sen durmir vendo películas de terror. Tras finalizar os retos, o "curador" pide ao participante que se suicide.

Segundo informaron fontes próximas ao caso, os responsables da escola na que estuda a moza alertaron aos Mossos d'Esquadra ao temer pola situación da menor, na que advertiron comportamentos estraños.

Ante esta situación, o centro educativo e a policía catalá fixeron un seguimento da moza para garantir a súa asistencia médica, como finalmente ocorreu, co seu ingreso hospitalario.

Os Mossos continúan traballando no caso para corroborar a autenticidade da versión da contorna da moza, que alertou de que se autolesionara seguindo este reto suicida.

Os gobernos e autoridades de diversos países latinoamericanos, entre eles Brasil, Bolivia, Colombia, Chile ou Uruguai, alertaron publicamente nos últimos días sobre os riscos deste macabro xogo, que orixinaría xa varias mortes entre os adolescentes destes países.

Aínda que a orixe do xogo non esta claro, algunhas fontes sitúano en Rusia, onde tamén se produciron suicidios de adolescentes.

Comentarios