Achado un cadáver calcinado nos restos dun incendio en Cangas

A Garda Civil achou esta madrugada o cadáver dun home de 58 anos de idade totalmente calcinado na zona que se viu afectada por un incendio declarado xunto ao cámping de Aldán, en Cangas, informaron fontes do instituto armado.

Ás 2.15 horas o 112 mobilizou a Garda Civil, a Protección Civil, Policía Local de Cangas, un axente forestal e unha patrulla da Policía Autonómica ao ter coñecemento dun incendio en Areacova, xunto ao cámping de Cangas, que afectou a unha zona de monte arboledo.

Äs 3.10 horas os efectivos que traballaban na zona localizaron o cadáver totalmente calcinado dun home veciño de Cangas.

Ás 6.30 horas procedeuse ao levantamento do cadáver, ao que se lle practicará a autopsia, mentres a Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer os feitos.

Nunha primeira inspección non se acharon signos de violencia no cadáver, e a principal hipótese que baralla a investigación, a falta de coñecer os resultados da autopsia, é que o incendio o puido provocar a propia vítima por un descoido, xa que no lugar onde o atoparon foi onde se orixinaron as chamas. 

Comentarios