Ferido grave tras quedar debaixo do tractor que conducía o seu pai en Cuntis

Ao momento acudiu unha ambulancia medicalizada, ademais de Protección Civil, que prestou os primeiros auxilios ao mozo

tractor accidentado. EP
photo_camera Tractor accidentado. EP

Un mozo de Cuntis tivo que ser atendido esta tarde das lesións que lle produciu o tractor do seu pai cando o atropelou fortuitamente.

O suceso produciuse en Cuntis, na parroquia de Cequeril, antes das 18.00 horas. Un veciño estaba a traballar cun pequeno tractor un terreo con desnivel, mentres o seu fillo, duns 20 anos de idade, o acompañaba,

Nun momento determinado, o tractor perdeu o agarre nas rodas e empezou a ir marcha atrás polo desnivel. Aínda que o mozo deuse conta, o tractor estaba demasiado cerca e non puido apartarse de todo, polo que caeu e o aparello pasou sobre as súas pernas, esmagándoas. Ao mesmo tempo, o pai, tivo que tirarse en marcha para evitar que, no envorco, o aparello caese sobre el.

O tractor acabou na estrada que discorre pola fachada da leira, varios metros por baixo do nivel da mesma.

Ao momento acudiu unha ambulancia medicalizada, ademais de Protección Civil de Cuntis, que prestou os primeiros auxilios ao mozo. Aínda que non se temía pola súa vida, as lesións que afectaban ás súas pernas, en especial a unha delas, parecían considerables. A vítima foi trasladada ao Hospital Montecelo de Pontevedra