Falece ao ser corneado por un touro en Valencia

O animal sorprendeu ao home, de 32 anos, que non tivo tempo de refuxiarse detrás das barreiras

Un home de 32 anos faleceu na localidade de Museros ao ser corneado por un touro durante os festexos do 'bou al carrer', informaron este sábado a Efe fontes policiais e sanitarias.


O sinistro tivo lugar sobre as 20.00 horas de onte á noite na rúa Mariano Benlliure de Museros, unha poboación duns 5.500 habitantes da comarca de L'Horta Nord, próxima á cidade de Valencia.

A solta dels bous ao carrer (versión dos peches taurinos) forma parte do programa de festexos organizados con motivo das festas maiores da poboación, en honra a san Roque.

Nun momento determinado, a res enfilou pola rúa Mariano Benlliure e sorprendeu a este afeccionado, un home de 32 anos, que non tivo tempo de refuxiarse detrás das barreiras.

Segundo informaron hoxe a Efe fontes da Conselleria de Sanidade, a vítima foi trasladada ao Hospital Clínico de Valencia, onde chegou sen apenas signos vitais. Aínda que se lle realizou unha reanimación cardíaca, o home entrou en parada e faleceu.

Con esta morte son polo menos 5 as persoas falecidas desde principios de xullo nos diferentes festexos taurinos que se celebran cada verán en España.

Este mesmo venres faleceu un home de 55 anos que foi corneado o día anterior nun peche en Blanca (Murcia).

O domingo 9 de agosto, outro home, de 32 anos, faleceu tras ser corneado no pescozo nun peche en Villaseca de la Sagra (Toledo). A vítima gravaba co seu teléfono móbil e non se decatou de que o animal se achegaba.

No mes de xullo rexistráronse outros dous falecementos con poucos días de diferenza.

O día 5 un home de 54 anos recibía unha cornada nos festexos taurinos das festas de Sant Pere que se celebran no barrio do Grau, en Castelló.

Os servizos médicos do recinto realizáronlle unha primeira asistencia de urxencia no lugar do suceso, e foi trasladado ao hospital Xeral de Castellón con prognóstico grave, onde faleceu poucas horas despois.

E o día 14, en Pedreguer (Alacante), un turista francés de 44 anos perdeu a vida tras ser corneado por un touro durante os espectáculos taurinos municipais.

Comentarios