Rescatan do fondo de Portodemouros o corpo dun home que se afundiu co seu vehículo

Os pasaxeiros dunha embarcación viron caer o coche á auga desde a parte coruñesa do encoro e como o home abría o portelo, o que acelerou o afundimento

Mergulladores da Garda Civil e do parque de bombeiros do Deza localizaron e recuperaron o corpo dun home de 64 anos que se afundiu este luns pola mañá co seu vehículo no encoro de Portodemouros, situado entre as provincias da Coruña e Pontevedra. Segundo informou o 112 Galicia, o suceso produciuse ao redor das 10.30 horas. Foi entón cando os pasaxeiros dunha embarcación que navegaban polas proximidades viron caer un coche desde a parte do concello de Santiso, concretamente na parroquia de Beigondo.

Decatáronse de que había unha persoa no interior e alertaron ao centro de atención ás urxencias, que pediu a colaboración dos bombeiros do Deza e de Arzúa e dos efectivos do GES de Lalín. Tamén se incorporaron os mergulladores da Benemérita e os servizos sanitarios de urxencia, que cando accederon ao turismo xa non podían facer nada por salvar a vida do defunto. E é que, segundo detallaron fontes do instituto armado, as testemuñas viron como o home abría o portelo do vehículo tras precipitarse á auga, o que acelerou o afundimento.

O corpo do falecido foi trasladado ao Anatómico Forense para practicárselle a autopsia.

Comentarios