A explosión das rodas dun camión en Cerceda causa un incendio no vehículo

No suceso non houbo feridos

A explosión das rodas dun camión no termo municipal de Cerceda este xoves causou un incendio no vehículo, pero non houbo feridos. 

Segundo informou o 112 Galicia, un camión articulado que transportaba filtros e bidóns de aceite comezou a arder logo de explotarlle as rodas cando circulaba pola estrada AC-400, á altura do punto quilométrico 20, no lugar de A Cortella. 

O condutor puido saír do vehículo e realizar as primeiras tarefas de extinción para atallar as chamas, indicaron as mesmas fontes, que apuntaron que os feitos sucederon cando faltaban dez minutos para as 12.00 horas deste xoves. 

Foron varios particulares os que chamaron ao 112 Galicia para informar do sucedido e indicaron que se escoitaron varias explosións "moi fortes" e que se apreciaba "fume moi negro" pola zona da Cortella. 

Deste xeito, por parte do 112 Galicia púxose en marcha un operativo formado polos Bombeiros de Ordes, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e efectivos de Protección Civil da localidade. 

Tras chegar ao momento, os axentes de Tráfico comunicaron ao 112 Galicia que tratábase dun incendio nun camión ao que lle explotaron as rodas, o que provocou que se incendiase o vehículo.

Así mesmo, indicaron que por mor do incidente había aceite derramado pola estrada. 

Debido aos materiais que transportaba o camión, o lume reproduciuse cada certo tempo, sinalaron as mesmas fontes, que confirmaron que a plataforma do vehículo ardeu por completo.