Evacuada unha moza tras sufrir unha caída nunha zona de difícil acceso en Ferrol 

Para o seu rescate foi precisa a intervención do helicóptero Helimer 401 de Salvamento Marítimo
Helicóptero Helimer 401. SALVAMENTO MARÍTIMO
photo_camera Helicóptero Helimer 401. SALVAMENTO MARÍTIMO

Unha moza foi evacuada en helicóptero para, a continuación, ser trasladada ao hospital en ambulancia tras sufrir unha caída nunha zona de difícil acceso en Ferrol.

En concreto, o 112 Galicia foi contactado sobre as 18.30 horas deste sábado por un particular que solicitou axuda para unha muller que resultara ferida tras caer na zona das escaleiras de acceso ao faro de Cabo Prior, en Ferrol.

Deste xeito, o centro integrado de emerxencias puxo en marcha un operativo que contou coa intervención dos servizos sanitarios, os membros de Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, os bombeiros de Ferrol e os axentes da Policía Nacional e Local. Ademais, informaron da situación aos membros de Protección Civil da cidade.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención avaliaron a situación na que se atopaba a ferida. Ante as lesións sufridas pola moza e debido á área acantilada na que tivera lugar o incidente, requiriuse a intervención do helicóptero Helimer 401 de Salvamento Marítimo para acceder a ela. 

Deste xeito, após confirmar a posición desta muller, o equipo de Salvamento Marítimo mobilizou a súa aeronave para rescatala. Posteriormente, foi trasladada ao centro hospitalario de referencia a bordo dunha ambulancia.