O ADN confirma que os restos achados en Astorga son de Denise Thiem

Aínda non apareceron as mans da peregrina, que o asasino confeso lle cortou para dificultar a súa identificación
El dispositivo policial, en la zona de Castrillo de los Polvazares
photo_camera El dispositivo policial, en la zona de Castrillo de los Polvazares

As probas de ADN practicadas polas Policía Científica confirmaron que o cadáver achado nunha leira preto de Astorga (León) o pasado día 11 de setembro é o da peregrina estadounidense Denise Pikka Thiem.

Segundo informaron a Efe fontes da investigación, a Policía comparou o ADN dos restos atopados co da familia da muller, que desapareceu en abril mentres facía o Camiño de Santiago.

Os investigadores atoparon o corpo da vítima nunha leira de Castrillo de los Polvazares (León) logo da detención do seu asasino confeso, Miguel Ángel Muñoz Blas.

O director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, dixo tras comparecer na Comisión de Orzamentos do Senado que se trata dun bo traballo da Policía Científica, que permitiu ter a absoluta certeza de que os restos achados corresponden á peregrina.

Mentres, séguense buscando as mans da vítima que, segundo a propia declaración do sospeitoso, cortou e enterrou a 400 metros da leira.

De momento, non se atoparon e desa parte do corpo só se achou, na primeira reconstrución dos feitos, un óso da boneca.

Non se descarta a posibilidade de que animais que frecuentan esa zona, como xabarís, poidan desenterrar eses restos.

En calquera caso, segundo Cosidó, a Policía Científica segue analizando todos os elementos e probas que se obtiveron nos rexistros da leira e a casa do detido.

Así mesmo, a Policía Xudicial, baixo a autoridade do xuíz, segue levando a cabo todos os traballos necesarios para ter as maiores evidencias "e saber exactamente que ocorreu e poder esixir as responsabilidades penais que este caso merece", engadiu.

A procura das mans segue activa, así como a de todos os restos e calquera outro vestixio que poida ser útil á policía para a completa clarificación de caso, subliñou Cosidó.

O director xeral da Policía quixo ter un recoñecemento público á familia de Denise Pikka Thiem, "que estivo constantemente informada" a través da embaixada nos Estados Unidos e da FBI e que mantivo unha actitude de respecto ao traballo da Policía e unha "enteireza e fortaleza encomiables".

Segundo Cosidó, a familia da vítima mostrou á Policía española o seu recoñecemento ao esforzo para poder deter ao principal sospeitoso.

Comentarios