O acusado de atropelar mortalmente a unha moza en Vilagarcía di que fuxiu por medo

O xulgado do penal número 1 de Pontevedra celebrou este martes a primeira sesión do xuízo contra P.B.G., ao que a fiscalía achaca un delito de homicidio imprudente polo que pide catro anos de prisión tras atropelar mortalmente en maio de 2008 a un mozo á saída dun pub na avenida da Mariña de Vilagarcía.

Na súa declaración, o imputado, que tras o atropelo fuxiu e levou ao día seguinte o vehículo que conducía a Portugal para reparalo, asegurou que o atropelo se produciu cando se despistou manipulando o reprodutor de CD do coche, e que en principio e tras fuxir "por medo" a que as testemuñas do atropelo ''o matasen" pensara en entregarse.

Tras a visita dun compañeiro horas máis tarde e influído polas drogas que dixo consumir tras o sinistro, resolveu cruzar a fronteira para arranxar o coche para que a súa tía, que era a propietaria legal do vehículo, non se decatase da desfeita. Segundo corroboraron dous policías locais na súa declaración, o vehículo non deixou marcas na vía e só o resto do espello retrovisor dereito do Audi A4 que conducía permitiu identificalo.

Tres dos acompañantes do acusado aquela noite declararon tamén en calidade de testemuñas. Todos eludiron pronunciarse claramente sobre o sinistro e minimizaron a responsabilidade do imputado.

Fiscalía e acusación particular cren pola contra que o acusado levou o coche a Portugal para evitar que queda rexistrado e que a policía non puidese culparlle, tendo en conta que ningún das testemuñas conseguiu apuntar a matrícula. A acusación particular eleva a pena do fiscal ata os 12 anos e asegura que o homicidio foi doloso.

O caso provocou unha airada reacción entre varios veciños de Vilagarcía, que promoveron manifestacións pola elevación das penas en delitos de tráfico e deron pé a que o Concello mellorase as medidas de seguridade da vía, con máis puntos de luz e badéns nos pasos de peóns.

Comentarios