Os dous mortos no accidente de Aranga faleceron case no acto

Os falecidos son o condutor que ía en sentido contrario, de 21 anos, e un ourensán co que chocou de fronte, mentres unha muller resultou ferida grave ►A A-6 estivo cortada case tres horas

Un condutor kamikace, duns 21 anos, C.C.R. natural de Sobrado dos Monxes, provocou este sábado un grave accidente na autovía A-6 que se saldou con dúas persoas falecidas e unha terceira ferida de gravidade. O suceso ocorreu ao redor das 15.30 horas, no punto quilométrico 546 da citada vía, ao seu paso polo municipio coruñés de Aranga e moi próximo ao límite con Guitiriz.

Un dos falecidos foi precisamente o causante do sinistro, que circulaba en sentido contrario polos carriis de dirección a Madrid nunha furgoneta Volkswagen Caddy, coa que chocou con varios vehículos. O peor parado foi o condutor dun Nissan Qashqai, P.A.R.R., duns 40 anos e natural de Ourense, que perdeu a vida tamén neste accidente. En ambos os casos, faleceron practicamente no acto.

A outra implicada, unha muller de 36 anos, M.R.M., de Ferrol e que conducía un Smart, resultou ferida de gravidade e foi trasladada en ambulancia medicalizada ao hospital público da Coruña.

Segundo informou a Garda Civil, o condutor kamikace percorreu ambos os sentidos da autoestrada en dirección contraria e, incluso, chegou a dar a volta nun punto que se investiga.

Ata o lugar dos feitos trasladáronse tamén dúas ambulancias asistenciais, unha medicalizada, un helicóptero do 061 e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Curtis. Ademais mobilizáronse tamén un helicóptero da DXT, o GES de Curtis e os bombeiros de Betanzos e Vilalba, que tiveron que excarcerar tanto á muller ferida como os cadáveres das vítimas mortais.

A central de urxencias do 112 Galicia, que tivo constancia do accidente polo aviso dun particular, tamén puxo en alerta ao Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias (Gipce) por se fose preciso asistir aos familiares das vítimas.

A consecuencia do accidente a autovía estivo cortada durante unhas tres horas, ata minutos logo das sete da tarde, para proceder á retirada dos vehículos, que quedaron totalmente esnaquizados, e á limpeza da calzada. Mentres, o tráfico desviouse pola Nacional VIN no quilómetro 549, na saída de Montesalgueiro, podendo reincorporarse de novo á autovía na de Santiago de Compostela.

O xulgado de instrución de Betanzos, en funcións de garda, asumiu o sábado a causa aberta por este sinistro.

Comentarios