Detido en Vigo por morder no pómulo á súa parella durante unha discusión

Os feitos sucederon en plena rúa durante a madrugada do domingo
Policía Local de Vigo. ADP
photo_camera Policía Local de Vigo. ADP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 42 anos, natural de Madrid, que mordeu no pómulo á súa parella, de 36 anos, durante unha discusión.

A detención, segundo informaron este luns fontes policiais, tivo lugar ao fío das cinco da madrugada do pasado domingo, despois de que os axentes interviñesen nunha acalorada discusión que o agora detido mantiña con outro home na rúa Pontevedra.

Ambos manifestaron que non sucedera nada, e que se iniciou a discusión por discrepancias a consecuencia dunha situación vivida cunha moza; con todo, os axentes permaneceron no lugar e observaron como o agora detido increpaba a unha muller.

Ao entrevistarse con ela, a muller contou que mantén unha relación con el e que, pouco antes, por un asunto de celos, mantiveran unha discusión durante a cal el mordeulle o pómulo dereito.

Segundo puideron pescudar os axentes, estes episodios entre eles eran habituais, e a muller nunca quixera denunciar.

Os axentes, tras ofrecerlle unha asistencia sanitaria que a muller declinou, procederon a deter á súa parella como presunto autor dun delito de violencia de xénero.