Detido en Redondela un mozo que conducía a pesar de non ter carné, ía sen seguro e portaba droga

Os axentes policiais atoparon no interior do vehículo varias papelinas de cocaína e unha cantidade considerable de haxix

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron a un veciño de Mos, de 29 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao que sorprenderon conducindo un coche a pesar de non ter carné, e sen o seguro obrigatorio do vehículo, onde se atopou cocaína e haxix.

Segundo informaron fontes policiais, o venres de madrugada cando unha dotación do 091 —que circulaba pola Estrada do Muro en Redondela— observou un vehículo sospeitoso circulando por unha zona onde o consumo de estupefacientes é habitual.

Ao comprobar a placa, a Policía constatou que o vehículo carecía de seguro obrigatorio, polo que deu o alto ao coche, no que viaxaban varias persoas. Os axentes identificaron ao condutor, que carecía de permiso de conducir; tanto o condutor como o resto de ocupantes foron cacheados, e tamén se inspeccionou o interior do coche.

Os funcionarios policiais atoparon varias papelinas de cocaína e unha cantidade considerable de haxix. Por estes feitos, o condutor foi detido, e o vehículo inmobilizado. O acusado e as dilixencias practicadas foron postas a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Redondela.

Comentarios