Detida por dar unha losqueada á súa filla de 10 anos que volveu dúas horas tarde do colexio

Foi un veciño o que avisou a Policía ao escoitar berros na vivenda, en Santander

A Policía detivo en Santander unha muller que deu unha losqueada e tirou do pelo a súa filla de dez anos porque chegou dúas horas tarde do colexio.

A detención produciuse este martes na rúa Los Indianos, despois de que un veciño avisase a Policía Local porque escoitara berros na vivenda.

Segundo relataron a Efe fontes da Policía, os axentes atoparon a nai "máis asustada que a filla" e recoñeceu que reaccionou así ao ver a nena regresar do colexio dúas horas despois da hora de saída porque non era a primeira vez que chegaba tarde á casa.

A menor, que acaba as clases ás 14.00 horas, non chegou ao seu domicilio ata as 16.00 da tarde, período no que a súa nai acudiu ao colexio para preguntar por ela e foi informada de que saíra á hora habitual.

Os axentes de Policía detiveron a nai e trasladárona a comisaría para practicar dilixencias, tras o que quedou en liberdade, sobre as 21.00 horas, citada para declarar este xoves pola mañá ás 10.00 horas no xulgado de garda.

A menor foi trasladada á Residencia Cantabria, onde os profesionais sanitarios comprobaron que non presentaba ningunha lesión, polo que o seu tío se fixo cargo dela.

Comentarios