Detido un home por agredir unha transeúnte cun machete

Un home de nacionalidade colombiana foi detido onte pola Garda Civil acusado de agredir cun machete a unha moza que transitaba pola rúa na localidade do Milladoiro (Ames), segundo informaron a AGN fontes do instituto armado.

Os axentes procederon á detención do agresor no interior do seu domicilio, onde se refuxiou logo de haber huído cara a unha zona de monte tras a agresión.

As primeiras investigacións descartan que se trate dun asunto de violencia de xénero xa que, aínda que vítima e agresor coñecíanse, a Garda Civil sostén que nunca mantiveran ningún tipo de relación afectiva. A muller descoñece os motivos polos que foi agredida.

Os gardas tratan de determinar as causas que levaron ao detido a actuar deste xeito e non descartan que poida sufrir algún tipo de trastorno.

Segundo a Benemérita, o home protagonizou en polo menos outra ocasión un feito similar con outra muller e tamén con arma branca. Nas próximas horas pasará a disposición xudicial no xulgado de garda de Santiago. A muller recupérase das súas lesións que revisten prognóstico leve.

comentarios