Detido por realizar e publicar montaxes pornográficas con fotos que obtiña de Facebook

Captaba a amizade de mulleres nas redes sociais para facerse con imaxes persoais que retocaba e divulgaba, facéndoas protagonistas "de imaxes falsas de actos sexuais inexistentes"

A Policía Nacional arrestou a un home de 34 anos e iniciais I.R.B. que durante anos realizou montaxes pornográficas con fotografías que obtiña dos perfís de Facebook de mulleres cuxa amizade captara nas redes sociais e que publicaba en diversas webs por "morbo e aburrimento". Impútanselle delitos contra a integridade moral e descubrimento e revelación de segredos.

O detido dedicábase a captar a amizade de mulleres nas redes sociais, principalmente en Facebook, para despois obter as fotos persoais dos seus perfís, que posteriormente retocaba e publicaba en Twitter e páxinas de contido pornográfico, facéndoas protagonistas de "imaxes falsas de actos sexuais inexistentes". As investigacións policiais revelan que realizou publicacións en centos de webs durante anos, xunto a información real das vítimas e, incluso, con datos dos seus domicilios; isto ocasionou severos trastornos na vida persoal das súas vítimas.

Ata a data recibíronse un total de cinco denuncias de mulleres residentes en Huelva e Granada, podendo existir un número máis amplo de afectadas e que aínda non denunciaría. De feito, a Policía Nacional segue coas xestións a fin de descubrir a existencia doutras posibles vítimas.

Tras a súa detención e traslado á Comisaría Provincial de Huelva, I.R.B. confesou ser autor dos feitos descritos, alegando que o facía "por aburrimento e morbo".

Comentarios