Detido por atacar a outra persoa cunha arma branca nun barco

Un veciño de Ribadeo (Lugo), de 39 anos de idade, foi detido por axentes da Garda Civil como suposto autor dun delito de ameazas con arma branca e agresión, por atacar a outra persoa a bordo dun barco na ría ribadense e provocarlle diversas lesións, polas que tivo que recibir asistencia médica.

Segundo informou o instituto armado nun comunicado, os feitos sucederon ao redor das once da mañá do pasado 25 de setembro, na ría de Ribadeo, cando o suposto agresor e a vítima se atopaban a bordo dunha embarcación.

A Garda Civil informou de que o suposto agresor atacou cunha arma branca á outra persoa e provocoulle diversos cortes na cara, ademais de tiralo ao chan do barco, propinarlle unha patada nas costas e golpealo varias veces á altura das cervicais cun gancho de coller o polbo.

A persoa agredida tivo que recibir asistencia sanitaria polas súas lesións no centro de saúde de Ribadeo. O detido xa pasou a disposición xudicial. 

Comentarios