Detida en Lugo por delitos de explotación sexual

Unha muller brasileira de 33 anos reclamada polas autoridades do seu país por delitos de explotación sexual de menores, violación, corrupción e asociación criminal foi detida en Lugo por axentes da Policía Nacional.

Segundo informou este corpo nun comunicado, esta muller contactaba con clientes para manter relacións sexuais con adolescentes inducidas a exercer a prostitución.

Os feitos polos que se lle reclamaba ocorreron en Curitiba (Brasil) entre o inicio do ano 2005 e abril de 2006.

Esta muller, sinala o comunicado, formaba parte dun amplo grupo de persoas que foron acusadas no seu país por explotar e corromper sexualmente a menores, agresións sexuais e corrupción.

A función principal da fuxitiva dentro da organización era conseguir clientes interesados en manter relacións sexuais con menores e acompañalos ata os lugares onde levaban a cabo os encontros.

Cando os clientes estaban coas menores, de súpeto a policía irrompía no lugar, tomaba fotografías e gravaba imaxes de vídeo, procedendo á súa detención.

Unha vez en comisaría esixíanlles diñeiro para obter a liberdade.

Os axentes corruptos posteriormente repartían o botín entre todos os compoñentes da trama.

Por estes feitos foron acusadas 29 persoas, entre elas varios policías.

A detención foi realizada por axentes da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría Provincial de Lugo coa colaboración do Grupo de Localización de Fugitivos Internacionais da Comisaría Xeral de Policía Xudicial.

Comentarios