Crávalle un cutter no estómago ao seu compañeiro de habitación por unha débeda

Os feitos ocorreron na rúa Jacinto Benavente, en Vigo
Policía Local de Vigo. ADP
photo_camera Policía Local de Vigo. ADP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 31 anos, de nacionalidade española, sen domicilio fixo e con antecedentes policiais, por supostamente cravarlle un cutter no estómago ao seu compañeiro de habitación durante unha disputa por unha débeda.

Os feitos, segundo informaron este xoves fontes policiais, tiveron lugar sobre as sete e media da tarde deste mércores na rúa Jacinto Benavente, onde, segundo as testemuñas, ambos os homes mantiveron unha acalorada discusión.

Os axentes, á súa chegada ao lugar dos feitos, acharon á vítima con feridas de arma branca: un profundo corte horizontal á altura do estomago, polo que sangraba abundantemente, e un corte superficial no brazo esquerdo.

O home relatou aos axentes que, tras atopase casualmente co agora detido, ao que coñece desde hai meses, discutiu con el por mor dunha débeda, unha pequena cantidade de diñeiro que a vítima adiantou hai dous meses para o aluguer dunha habitación que ambos compartían e coa que o agresor desapareceu.

Durante a discusión, o agora detido agrediulle cun cutter causándolle varios cortes antes de darse á fuga en dirección á rúa Torrecedeira.

Coa descrición do agresor, os axentes localizárono e identificaron minutos despois nunha rúa próxima, procedendo á súa detención.

Nese momento, nun cacheo superficial, incautáronse do cutter que portaba no peto do pantalón, e trasladárono ao centro médico, onde foi asistido por uns cortes que presentaba nos brazos e que se provocou durante a escaramuza co seu antigo compañeiro de piso.

Este xoves, o detido foi posto a disposición xudicial.