Condenan ao Sergas por danos a unha paciente tras dar a luz no Chop

Deixáronlle como secuelas unha incapacidade laboral absoluta e dores permanentes

Un xulgado do contencioso administrativo de Santiago de Compostela condenou ao Servizo Galego de Saúde polos danos sufridos por unha paciente tras dar a luz no Complexo Hospitalario de Pontevedra (Chop), que lle deixaron como secuelas unha incapacidade laboral absoluta e dores permanentes.

O Defensor do Paciente informa nun comunicado de que a paciente, C.A.I., de 45 anos e veciña de Vilagarcía de Arousa, deu a luz en 2001 no Chop e sufriu un hematoma vaxinal do que foi intervida, e nesa operación puido sufrir unha lesión no nervio pudendo, segundo un especialista que a tratou posteriormente. Este nervio atópase na rexión pélvica e inerva os xenitais externos, así como tamén os esfínteres da vexiga urinaria e o recto.

Ao telo lesionado, abunda o Defensor do Paciente, C.A.I. sofre dores permanentes, non pode sentar nin estar de pé moito tempo e necesita axuda de terceiras persoas para as actividades básicas da vida diaria.

A sentenza que condena ao Sergas a indemnizar a esta paciente, que non é firme, incide en que non consta historia clínica do embarazo nin do parto, nin como foi a cirurxía dun hematoma vaxinal -non hai partograma nin folla cirúrxica-, da que non houbo consentimento informado. Isto constitúe, a criterio do tribunal, "un dano moral que debe de ser indemnizado".

Comentarios