Unha colisión con cinco coches implicados deixa catro feridos no centro de Vigo

O condutor do turismo que ocasionou o choque será denunciado por un delito contra a seguridade viaria
Vehículos implicados en el accidente múltiple de Vigo. TVG
photo_camera Vehículos implicados no accidente múltiple de Vigo. TVG

Unha colisión entre cinco vehículos rexistrada este luns no centro de Vigo provocou feridas a catro persoas. Entre os lesionados está o condutor do turismo que ocasionou o choque, que será obxecto dunha denuncia por un delito contra a seguridade viaria, segundo informaron a Europa Press fontes da Policía Local. 

O accidente produciuse pouco antes das 17.00 horas na Gran Vía, á altura do cruzamento coa rúa Nicaragua. Como consecuencia do impacto, o condutor que causou a colisión quedou inconsciente, aínda que non foi necesaria a intervención do equipo de excarceración dos bombeiros. 

Fontes policiais explicaron que foi evacuado a un centro médico e será denunciado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, aínda que non transcendeu por que infracción.