Achan viva en Entrimo á muller que desapareceu cando recollía cogomelos

Pasou a noite nunha gabia logo de perderse. Non levaba móbil encima

O dispositivo de rastrexo permitiu achar este luns pola mañá con vida a unha muller duns 40 anos de idade que desapareceu na tarde do domingo cando recollía cogomelos nunha zona de bosque no municipio de Entrimo (Ourense). Pasou a noite nunha gabia e, tras ser localizada, foi trasladada a un centro médico.

Segundo informou o 112 Galicia, a muller estaba a recoller cogomelos nunha zona de bosque acompañada dunha amiga, que foi a que se puxo en contacto co 112 Galicia ás 19.00 horas do domingo para explicar que a acababa de perder de vista.

A alertante relatou que a muller desaparecida non tiña consigo o teléfono móbil e explicou que levaba roupa azul escura e que hai pouco que reside na zona. O 112 Galicia puxo en marcha un operativo de procura. Os seus profesionais alertaron aos membros do GES de Lobios, a Protección Civil e á Garda Civil.

No dispositivo participaron varios membros do GES de Lobios e de Muíños e voluntarios de Protección Civil. Na noite do domingo xa levaron a cabo varios rastreos nos que interviñeron dotacións do GES, de Protección Civil e da Garda Civil.

Comentarios