Arrinca en A Coruña o xuízo polo rapto dun camerunés que acabou en accidente en Baralla

A Audiencia xulga este luns e o martes aos sete acusados despois de que a vista se suspendese en marzo pola ausencia da vítima

A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña celebra entre este luns e o martes o xuízo contra sete persoas polo presunto secuestro dun cidadán subsahariano en 2004 que acabou cun accidente de tráfico no municipio lucense de Baralla.

O pasado 9 de marzo estaban citados os sete acusados para enfrontarse a un proceso contra eles, aínda que a ausencia da vítima obrigou ao adiamento para esgotar todas as posibilidades de atopalo. 

O fiscal cre que os acusados retiveron ao subsahariano durante varias horas nunha casa de Centroña, no municipio coruñés de Pontedeume, para despois introducilo no maleteiro dun coche, do que foi liberado tras sufrir un accidente na A-6 xa na provincia de Lugo.

Impútaselles a suposta comisión dun delito de secuestro e falta de lesións polos que pide dez anos de prisión para un deles, ao que aplica o agravante de prezo, e nove para o resto, aínda que ofrece chegar a un acordo por non menos de seis porque considera que houbo abuso de superioridade. 

Comentarios