Polo menos 38 feridos ao arder un catamarán no Grove

Cinco persoas atópanse en estado grave por queimaduras

Polo menos 38 persoas resultaron feridas, cinco delas de gravidade, nun incendio declarado nun catamarán de pasaxeiros fronte á Illa da Toxa, no Grove. O lume comezou pasadas as catro da tarde deste martes, ao parecer, por unha explosión na cociña. Ao decatarse do incendio, a tripulación aproximou a embarcación a unha batea de mexillóns para que os pasaxeiros puidesen baixar.

O barco transportando a 48 pasaxeiros, entre eles oito nenos, ademais da catro tripulantes. Cinco persoas resultaron feridas de gravidade, dúas das cales, con queimaduras no 40% do seu corpo, foron evacuadas en helicóptero ata a unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Trátase dun matrimonio de Guadalaxara de 70 e 68 anos, informaron fontes sanitarias.

Outras tres persoas resultaron feridas con queimaduras de consideración e foron trasladadas ao hospital Povisa, en Vigo. 

O resto de pacientes atendidos en centros hospitalarios presentaban un prognóstico de menor consideración, segundo a Consellería de Sanidade, que indica que sete foron levadas ao Hospital de Montecelo en Pontevedra, oito ao Hospital do Salnés, en Ribeira, unha ao Hospital Provincial de Pontevedra e outras dúas ao Hospital Domínguez, tamén nesa cidade, e xa foron dadas de alta. O resto de pacientes, 15, foron atendidos na PAC do Grove e no propio lugar do accidente sen que fose necesario o seu traslado a centros médicos.

O catamarán atopábase encallado na Illa da Toxa, e un total de catro dotacións de bombeiros participaron nos labores de extinción do incendio, que se deu por controlado ás 17.45 horas. As chamas producíronse, ao parecer, por unha explosión na cociña, e o lume tamén se estendeu a unha batea, aínda que non se aprecia contaminación. 

Incendio dun catamarán no Grove. CEDIDA

Ata o lugar desprazáronse máis de 20 ambulancias do 061 de Cambados, Vilagarcía, O Grove e Caldas, dous helicópteros medicalizados, ademais de varias patrullas da Garda Civil e embarcacións de pesca e de recreo. Tamén foron mobilizadas as embarcacións Salvamar Sargadelos e Euro, a patrulleira da Garda Civil Curvo Mariño, e os helicópteros da Xunta Pesca I e Pesca II. 

A maiores, segundo o 112, desprazáronse os bombeiros de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, a Policía Local do Grove, o grupo de urxencias supramunicipal (GES) de Sanxenxo, ademais de Protección Civil de Cambados e O Grove. 

EXPLOSIÓN. Varias testemuñas sinalan que se produciu unha explosión a bordo, ao parecer na cociña, que foi a que desatou o incendio. Os pasaxeiros tiveron tempo de arroxarse ao mar onde foron inmediatamente rescatados por outros barcos turísticos e embarcacións recreativas particulares que se achaban na zona, moi concorrida durante estes meses de verán. 

Testemuñas presenciais aseguran que en poucos minutos o barco estaba completamente en chamas. A columna de fume podía verse desde practicamente todos os recunchos da ría de Arousa. 

O CATAMARÁN ERA NOVO. A conselleira do Mar detallou que o incendio produciuse pouco despois de que o catamarán saíse de porto e cando a tripulación se decatou das chamas aproximou a embarcación ata unha batea para que os pasaxeiros puidesen saltar á mesma.

O catamarán sinistrado era o Boramar, pertencente á empresa Cruceiros Rías Baixas, que levaba operativo apenas uns días, desde as Festas do Carmen, segundo diversas fontes consultadas. 

"A MELLOR NOTICIA É QUE NON HAI MORTOS". O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, expresou que "a mellor noticia é que non hai vítimas mortais". "Todo isto foi un susto que a ninguén nos gusta vivir, pero hai que acometelo", manifestou, para logo reducir o incidente a un suceso que, espera, "non se volva a producir". 

SÁNCHEZ CONTACTA CON FEIJÓO. O xefe do Goberno, Pedro Sánchez, contactou este martes co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para interesarse polas consecuencias do incendio do catamarán turístico.

Sánchez informou desa conversación con Núñez Feijoó e doutra co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, nunha mensaxe na súa conta de Twitter. "Acabo de contactar co presidente da Xunta e co delegado do Goberno en Galicia para interesarme polo accidente do catamarán entre O Grove e Toxa. O meu desexo dunha rápida recuperación aos feridos", escribiu o xefe do Executivo.