Atopan o cadáver dunha moza con feridas de arma branca en Meco

A moza non presentara ningunha denuncia de malos tratos nin os seus familiares tampouco alertaran da súa desaparición

O corpo sen vida dunha moza de 25 anos foi atopado, con feridas de arma branca, nunha zona de campo que pertence ao termo municipal de Meco (Madrid), á beira da localidade de Villanueva de la Torre, en Guadalaxara, onde residía a vítima. Segundo informou a Efe o servizo de urxencias 112 de Castela-A Mancha, o cadáver da muller, de nacionalidade española, foi atopado por uns viandantes ás 20.53 horas deste mércores nunha zona de campo de difícil acceso.

A moza era veciña de Villanueva de la Torre (Guadalaxara) e os seus pais residen a uns seis quilómetros, no pobo de Alovera. Ao acharse o cadáver no municipio madrileño de Meco, fíxose cargo da investigación o Grupo de Homicidios da Garda Civil da Comandancia de Tres Cantos.

Segundo as primeiras investigacións, a moza non presentara ningunha denuncia de malos tratos nin os seus familiares tampouco alertaran da súa desaparición. No operativo desenvolvido onte á noite na zona participaron axentes da Garda Civil, Policía Local, unha UVI e o médico de urxencia, que só puido certificar o falecemento da muller.