sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

FACER AS FOTOS PODE CUSTAR, MÁIS OU MENOS, DE 1.100 A 3.000 EUROS

As vodas civís superan xa en máis do dobre ás que se celebran pola Igrexa

Anillos de boda
Anillos de boda
Este fenómeno comezou a dispararse hai seis anos e continúa subindo de ano en ano. O número de matrimonios baixou, en cambio, a cuarta parte respecto de hai catro décadas

Menos enlaces en xeral e os que casan, casan polo civil e non pola Igrexa. Esta podería ser a conclusión das estatísticas sobre matrimonios en Lugo a data de hoxe, cando aínda estamos a metade da tempada alta das vodas. De feito, o ano pasado máis da metade das vodas celebradas oficiáronse polo civil.

Unha sociedade máis laica e secularizada, a regularización e entrada en vigor das vodas nos consistorios e o descenso da natalidade son factores que, nunha medida ou outra, repercutiron neste cambio social no que, por outra banda, xa non é necesario pasar polo altar ou a oficina correspondente para legalizar a vida en común dunha parella ao existir, desde hai anos, rexistros para as persoas que elixen esta opción con igualdade de dereitos respecto dos que elixen casar.

Desta forma, as cifras do Instituto Nacional de Estatística (Ine) reflicten que o ano pasado foron 397 as parellas que decidiron contraer nupcias en Lugo capital e 582, no resto da provincia. En total, casaron 979 parellas. Se volvemos a vista atrás catro décadas, os números cambian por completo demostrando que, cada vez, hai menos matrimonios. Así, por exemplo, en 1975 casaron 526 parellas no municipio de Lugo. Este número foi descendendo paulatinamente fóra de 1995, cando houbo un lixeiro repunte, 452 fronte a 415 dez anos antes. A partir de aí, a baixada foi imparable ata chegar aos 397 actuais, segundo o INE, e 392, segundo o Instituto Galego de Estatística (Ige). En calquera caso, o descenso das vodas foi dun 25 por cento. Ou sexa, a cuarta parte menos.

CERIMONIAS. Á parte de ser menor o número de vodas, as que hai celébranse, na súa maioría, polo civil. Así temos que, durante o pasado ano, das 979 parellas que casaron na provincia de Lugo, 683 optaron por esta vía e bastante menos da metade, 293, contraeron nupcias pola Igrexa. A estatística, publicada polo IGE, engade, ademais, que tres parellas casaron seguindo ritos relixiosos diferentes ao católico.

A evolución deste proceso sociolóxico en Lugo faise notar especialmente na última década. Ata 2005, aínda eran maioritarios os matrimonios pola Igrexa na provincia: houbo 1.017 fronte a 269 no ano 2000 e 696 fronte a 377, cinco anos despois.

Con todo, en 2010, a cifra iguálase: 535 parellas optan pola cerimonia eclesiástica e 532, pola vía civil. E a partir de aí a baixada das vodas pola Igrexa é constante chegando en só catro anos a ser un pouco máis da metade das civís con só 374 matrimonios eclesiásticos fronte a 600 parellas que casaron nas oficinas do xulgado ou ben no concello onde, por outra banda, celébranse moitas vodas.


Só tres pratos, pero dúas horas de cóctel e unha sobrecea

Poucas vodas se fan xa nun comedor interior. A tendencia é que o banquete sexa ao aire libre, nunha leira que pon o restaurante. Esa é a conclusión á que chegaron no restaurante A Palloza, un dos máis veteranos nestes tipos de celebracións e que xa vai pola súa segunda leira para atender a alta demanda das parellas por este tipo de espazos. "Nótase que este ano as parellas prefiren gastar máis, tanto no menú como no sitio onde se vai a celebrar o banquete, e reducen o número de pratos, que quedan xeralmente en tres aínda que inclúen un aperitivo de hora e media ou dúas horas de duración", conta Nacho López, xerente do restaurante.

O gasto medio dun menú convencional por cabeza sitúase, agora mesmo, nuns 150 euros, se os noivos celebran a comida nunha leira, ou 120, se o banquete é dentro do restaurante. "O aperitivo faise de pé e inclúe un ‘showcooking’ no que poden participar un cortador de xamón, unha pulpeira cortando polbo ou un cociñeiro preparando unhas navallas á prancha, por exemplo, entre outros entrantes", afirma o xerente da Palloza.

O cóctel gózase, xeralmente, con música en directo. E nisto tamén cambiaron as vodas de hoxe con respecto ás de hai décadas. "Predominan as bandas de jazz e de folk, pero tamén as charangas. A música clásica resérvase para o momento da cerimonia e os gaiteiros perderon bastante interese", sinala Nacho López.

O banquete segue incluíndo o marisco. Neste caso, bogavante. Peixe, pouco ou nada, e de carne adóitase pór solombo de tenreira. "Moitos quedan co marisco e a carne e pasan do peixe. Tamén se deixaron de lado as tortas nupciais xa. As parellas adoitan preferir unha variedade de sobremesas caseiras e xeado, aínda que se fagan a foto coa torta", afirma este hostaleiro.

A barra libre é impepinable e as vodas prolónganse ata a madrugada. Tres da mañá, máis ou menos. Algo que non existía vinte anos atrás. "A maioría celébrase ao mediodía pero duran máis e acaban ao redor das tres. Por iso damos, sobre as doce, unha sobrecea ou resopón, no medio do baile que, xeralmente, está animado por un disc-jockey á fronte dunha discoteca móbil", di Nacho López.

TRAXES. Se sobe o gasto na comida, baixa en cambio na indumentaria. Parte diso débese á preferencia polas vodas civís. Desta forma, os prezos dos vestidos de noiva estancáronse e incluso baixaron. "A tendencia é máis urbana, son máis sinxelos, sen tantos adornos, levan algo de veo pero non tan longo como o de hai anos e todo isto fai que se poidan comprar vestidos por 1.500, 1.000 euros ou incluso menos", di María Jesús Pérez, empregada de Pronovias.

As vodas civís superan xa en máis do dobre ás que se celebran pola...
comentarios