A vacina de AstraZeneca e Oxford ten unha efectividade do 70,4%

O antídoto británico é máis barato e fácil de conservar que os de Pfizer e Moderna
Astrazeneca. EP
photo_camera Astrazeneca. EP

A vacina desenvolvida pola universidade inglesa de Oxford e a farmacéutica AstraZeneca prevén a covid-19 nun 70,4% dos casos, segundo indican resultados preliminares difundidos este luns.

Estes datos contrastan coa efectividade do 95% mostrada polos preparados producidos polas compañías Pfizer e Moderna, aínda que o antídoto británico é máis barato e fácil de conservar.

Os investigadores sinalaron que o seu preparado "é eficaz ao previr que moitas persoas enfermen e demostrouse que funciona ben en diferentes grupos de idade".

Máis de  20.000 voluntarios –a metade no Reino Unido e o resto en Brasil– participaron na terceira fase das probas clínicas organizadas pola universidade de Oxford, que xa deu bos resultados de seguridade na segunda fase.

No último experimento, houbo 30 casos de covid en persoas que recibiran dúas doses deste antídoto e 101 no grupo de control que recibiu unha inxección inocua.

Un dato que aínda non puido explicarse, segundo a BBC, é que a efectividade da vacina subiu ao 90% nun grupo de voluntarios aos que se deu media dose inicial seguida dunha dose completa.

O 19 de novembro, os investigadores de Oxford informaron de que a segunda fase de probas clínicas demostraba que a súa vacina é segura, con poucos efectos secundarios, en persoas sas incluso de máis de 70 anos e provoca unha resposta inmune en todos os grupos de idade, tanto cunha dose baixa como estándar.

Sarah Gilbert, profesora de vacunología de Oxford e responsable do proxecto, declarou que o anuncio deste lunes sitúanos un paso máis preto do momento en que poderemos usar as vacinas para pór fin á devastación causada pola covid-19".

"Continuaremos traballando cos reguladores (que deben autorizar a vacina). Foi un privilexio ser parte dun esforzo multinacional que recollerá beneficios para todo o mundo", afirmou.

En Twitter, o ministro británico de Empresa, Alok Sharma, cualificou de moi "prometedores" os resultados preliminares anunciados este luns. "Estamos na cúspide dun enorme avance científico que podería protexer millóns de vidas", dixo.

O Reino Unido encargou 100 millóns de doses desta vacina producida coa sueco-británica AstraZeneca –elaborada cun virus de arrefriado que afectaba a chimpancés modificado xeneticamente–, o que serviría para vacinar, dada a necesidade de varias doses, á maioría da poboación británica.

Ademais, contará con 40 millóns de doses do preparado desenvolvido pola estadounidense Pfizer xunto coa alemana BioNTech, entre outros provedores. 

Comentarios