Vacacións? Non, grazas

Ter que descansar sería unha mala noticia para eles. Esperan traballar todo o verán e farano con gusto. O mundo non para.

Esperan traballar moito nos vindeiros meses. Non queren oír falar de vacacións de verán. Telas sería unha mala nova para eles. Están fartos da inactividade imposta pola pandemia e queren encher a súa axenda de notas. As previsións auguran bos ventos para este verán.

Son unha cantante, un cineasta, un pallaso e un corredor de motocrós, pero poderían ser un hostaleiro, un tendeiro, un socorrista ou un montador de palcos. 

A estas alturas de ano, o común dos mortais ansía uns días de desconexión e está planificando un verán que, aínda que atípico, aspira a ser algo máis normal que o anterior. Pero o regreso á relativa normalidade non é igual para todos. Para algunhas profesións, o verán significa traballo e canto máis, mellor. O mundo non para e eles tampouco. 

Iván Prado. OTTO (AEP)IVÁN PRADO. É cofundador de Pallasos en Rebeldía e o seu traballo consiste en levar o teatro e o circo a calquera recuncho do mundo onde faga falta un sorriso. Este rapaz de Lugo defínese como pallaso, pero o seu activismo, que xa vai para as tres décadas, leva sanado máis almas que moitos médicos. 

Non lembra cando tivo as últimas vacacións e non ten intención de veranear tampouco este ano. O sábado estivo en Madrid, na gala final das Marchas por la libertad del pueblo saharaui, que levan un mes percorrendo toda España, e o domingo en Vigo para recibir unha delegación do Ejército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) que chega en barco tras cruzar o Atlántico coa intención de percorrer Europa e chamar a atención sobre a situación dos pobos das montañas do sur de México. 

Iván Prado levará o seu espectáculo de circo a indíxenas de México e refuxiados de Palestina

Desde Vigo espera poder viaxar a Lugo para ver a súa nai. Será o día que se dedique a si mesmo este verán, pois axiña botará a correr para estar en xullo en México e en agosto ou setembro en Palestina. "As datas dependerán da vacinación do equipo. O coronavirus ralentizou todo polas dificultades para viaxar, pero aínda así conseguimos manter a actividade". 

A previsión é poder traballar coas comunidades indíxenas mexicanas e, a continuación, regresar a Palestina para celebrar o xa tradicional Festiclown e inaugurar a escola de circo de Belén. "A escola xa está funcionando, pero non se puido inaugurar por culpa do coronavirus. Tamén aproveitaremos para abrir outra en Nablus, que debería estar andando xa este verán", conta con ilusión. 

Iván Prado traballa con gusto e o mundo agradece que os pallasos non teñan vacacións. 

Lucía Pérez. AEPLUCÍA PÉREZ. A cantante do Incio tampouco quere descansar este verán. Lucía Pérez ten moitas esperanzas postas nos próximos meses. "O que máis desexamos agora é traballar e parece que se está movendo ben a cousa", apunta. O sábado estivo entre castrexos e romanos para presentar un evento do Arde Lucus a través de internet e o día 24 de xuño arrancará en Combarro a xira de actuacións estivais. Espera pisar moitos escenarios antes do outono. De momento, o remate da tempada está fixado para outubro, no teatro Jofre de Ferrol. 

Estes días, Lucía Pérez ultima "eventos e cousiñas" e está gravando a nova edición do programa A liga dos cantantes extraordinarios, que empezará a emitirse en breve. 

Entre tanto, non deixa pasar a ocasión de visitar O Incio. "Necesito ir cada pouco para cargar pilas. Se paso máis de 15 días fóra xa necesito volver. Iso non depende de que teña ou non vacacións, ao Incio vou todo o ano con moita frecuencia". 

Lucía Pérez prepara xira de verán e a nova edición de 'A liga dos cantantes extraordinarios'

Lucía Pérez vive "entre Galicia e Asturias" e nos momentos de lecer que lle queden nos próximos meses ten previsto "facer turismo de cercanía polo norte. Perdereime cando poida por algún lugar, sen un plan concreto, supoño que algún día de agosto". 

Pero nestes momentos a súa prioridade é traballar. "Os artistas necesitámolo, pero a xente tamén. Todos temos ganas de recuperar algo de normalidade". Sabe que este verán aínda non chegará ao nivel dos vellos tempos, pero servirá de transición cara o ocio alternativo. "O público aínda está sentado nos concertos e moito presuposto vaise en medidas de seguridade, pero bendita a xente que a pesar de todas as dificultades segue organizando eventos", afirma Lucía Pérez.

Dani de la Torre, cos protagonistas de 'Live is life' (AEP)DANI DE LA TORRE. O cineasta monfortino Dani de la Torre tamén ten plans para este verán e non inclúen descansar. Os meses de estío son os preferidos polo sector cinematográfico para as rodaxes e niso anda inmerso el nestes momentos. 

Dani de la Torre está rodando a segunda tempada de La unidad, unha exitosa serie policíaca que gañou moitos adeptos coa primeira entrega. A segunda tempada promete e terá ao cineasta monfortino moi ocupado este verán. Seis capítulos de 50 minutos que se estrearán no 2022. Todo un reto para sorprender e satisfacer a un público que quedou con bo sabor de boca e ganas de máis. 

Ademais, Dani de la Torre lembra que en agosto estará promocionando Live is life, a súa última película, que chega aos cines en pleno estío. Este traballo, con guión de Albert Espinosa, conta as vivencias dun grupo de amigos no verán da súa vida. 

Dani de la Torre estrea o filme 'Live is life' e rodará a segunda tempada de 'La unidad'

Dani de la Torre quixo facer súa a historia e trasladouna á Ribeira Sacra. O verán pasado, en plena pandemia, rodouna. Conta que foi unha experiencia diferente porque non había ninguén máis na rúa. Estiveron en Monforte, Pantón, Sober, Quiroga, O Saviñao, tamén no concello ourensán de Esgos e en Barcelona. 

É unha homenaxe a aqueles veráns de xuventude onde os rapaces empezan a descubrir a vida real. Ten noite de San Xoán, baños no río, postas de sol, conversas para cambiar o mundo. De la Torre di que ten moito dos seus veráns de mozo, daqueles nos que non traballaba tanto. 

Jorge Prado. J.P.ACEVEDO (AEP)JORGE PRADO. Se todo vai ben, o piloto de motocrós lucense non terá vacacións ata decembro. Acaba de comezar o campionato do mundo de MXGP e a intención de Jorge Prado é non baixar da moto nos vindeiros meses. 

As probas comezaron a semana pasada en Rusia e rematan o 5 de decembro en Indonesia. Ata entón, carreiras por medio mundo e unha nova oportunidade para que este mozo lucense demostre o que pode facer sobre dúas rodas. 

As probas sucédense cada poucos días e entre unha e outra só hai tempo para adestrar e viaxar ata o lugar da seguinte carreira. Neste nivel de competición non están permitidas as distraccións. 

As vacacións de Jorge Prado non chegarán, probablemente, ata o Nadal. Cada ano por esas datas acostuma a viaxar a Lugo para ver a familia. Tamén soe aproveitar esa viaxe para cumprir compromisos promocionais coas marcas patrocinadoras de España

Jorge Prado estará ata decembro sbido na súa moto para intentar gañar o mundial de MXGP

Pero o que realmente desexa Jorge Prado é quedar sen vacacións este ano. Iso significaría que gañou o campeonato mundial ou que quedou nunha posición moi destacada. O vencedor da competición non ten descanso porque tras a vitoria increméntanse exponencialmente os compromisos de marca. 

A familia de Lugo ten ganas de ver a Jorge Prado, pero confórmanse con que sexa de lonxe e no alto dun podio.

Comentarios