Unha verdade sobre Anna Allen: posou para a revista Playboy

A actriz de 'Cuéntame' mentiu sobre moitas cousas, pero non dixo nada de que fora portada da publicación como "sensual playmate"
Anna Allen, en 'Playboy'
photo_camera Anna Allen, en 'Playboy'

Días despois de que se destapase o xogo de mentiras que tecera a actriz xerundense Anna Allen sobre a súa vida, con invencións como que estivera na entrega dos premios Oscar de Hollywood, transcendeu que no ano 1999 pousara para a revista Playboy, onde se presentaba como "unha sensual playmate española". Entón facíase chamar Anuska e trataba de facerse un oco no mundo da interpretación.

A portada na que aparecía foi usada no proceso xudicial contra un home ao que a actriz acusou de violación. Segundo El Mundo, Anna Allen demandou a Manel Ortega anos logo de manter relacións sexuais nunha discoteca. Tal e como asegura este diario, os feitos ocorreron o 5 de agosto de 1995, cando ambos se atoparon nun local de Sant Cugat del Vallés (Barcelona). "Coñecina porque saía cun amigo, ao vela púxome tolo e pensei 'a ver se un día'...". Non tivo que esperar porque pouco despois tiveron sexo nun cuarto de baño. Máis tarde ela dixo que fora forzada por el, pero o avogado defensor deste tirou da revista erótica para negar que fose tan pudorosa como ela afirmaba ser. Ao final non a creron e a acusación quedou no aire.

As redes sociais continúan debaténdose ante a polémica xerada por Anna Allen tras facer pública unha foto supostamente manipulada na alfombra vermella dos Óscar, unha montaxe que xerou diferentes versións sobre os motivos que a levaron a mentir sobe a súa biografía profesional. Os xuízos en redes sociais, especialmente en Twitter, divídense entre os que critican as presuntas mentiras da actriz e os que, botando man do humor, encomian o seu "talento" coa ferramenta Photoshop e estudan con lupa os documentos gráficos que Allen subira aos seus perfís en redes sociais para mostrar supostos logros da súa carreira profesional. Xa hai quen a compara co pequeno Nicolás. Cunha diferenza clara: no caso do mozo as fotos dos seus acompañantes eran auténticas.

Comentarios