Un equipo de investigadores de Vigo parte cara á Antártida

O profesor Mariano Lastra, á fronte dun equipo de investigadores da Facultade de Ciencias do Mar de Vigo, partirá este sábado con destino á Antártida, onde liderarán unha nova campaña para analizar a evolución do cambio climático.

Segundo informan fontes da Universidade a través dunha nota de prensa, as conclusións desta investigación serán fundamentais ''para empezar a determinar se realmente se está producindo un cambio climatolóxico'' nesa área, considerada por moitos como a última rexión salvaxe do planeta. A campaña que agora se inicia será a cuarta na que participe Lastra na Antártida e o seu desexo é que estes traballos teñan continuidade.

A recollida de datos nesta ocasión será similar á que realizaron o pasado ano e incluirán análise de mostras de composición de especies, abundancia de invertebrados no intermareal, natureza do sedimento, entre outros, ademais recollerán información dos sensores de temperatura que deixaron na Antártida o pasado ano.

Plan Antárquico
Nesta ocasión, segundo informan as fontes universitarias, a recollida de datos centrarase na illa Decepción, e xunto a Lastra participarán na expedición o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela José Mora, investigadores da Facultade de Ciencias do Mar e un mozo que está a realizar a súa tese doutoral sobre este proxecto.

Os resultados destas campañas espérase que estean dispoñibles nun ano e medio ou dous, segundo manifesta Mariano Lastra, quen tamén informa que os preparativos da actuación comezaron o pasado mes de xuño cunha reunión de programación antárquica que organiza o Comité Polar e á que asisten todos os investigadores do coñecido como Plan Antárquico.

Comentarios