O cigarro máis caro de Sabina

Un cigarro que o cantante español Joaquín Sabina fumouse durante unha rolda de prensa podería custarlle ao Hotel Sheraton de Montevideo unha multa de 11.000 dólares, ao permitir que se vulnerase a estrita lei antitabaco do país, que prohibe fumar en calquera espazo público. Sabina acendeu, antes de que ninguén puidese impedilo, o cigarro da discordia, que se fumou con total tranquilidade.

O Ministerio de Saúde Pública de Uruguai anunciou este martes que está a buscar todo o material gráfico sobre a conferencia de prensa para recomendar "unha multa importante ao Sheraton", informou o diario El País o director do Programa Nacional de Control de Tabaco, Winston Abascal. "O Sheraton é o responsable de que non se fume, non Sabina. O Ministerio non sanciona aos adictos", agregou o funcionario.

Os xornalistas uruguaios que acudiron á conferencia de prensa, sorprendidos polo xesto de Sabina, alertaron ao músico de que coa súa acción estaba a quebrantar a lexislación uruguaia. Sabina dixo entón, medio en serio medio de broma, que el empezara a fumar porque viu un cinceiro na mesa e "non quería ser descortés" cos seus anfitrións, á vez que dixo descoñecer que estaba a violar unha lei.

Aínda así, e entre risas, afirmou que "non ía tirar o pucho (cigarro) nin morto". "En cousas como este penso, sen ser nada neoliberal, que non o son en absoluto, que o Estado intervén demasiado nas vidas da xente", razoou o artista. Pola súa banda, a responsable de relacións públicas do hotel, Anabella Jünger, apuntou ao diario dixital Observa que eles pediron a Sabina que apagase o cigarro, e el negouse.

Comentarios