Un aparellador en paro gáñase a vida vendendo a súa novela porta a porta

O vivariense Rafael Rivera atopou o seu sustento temporal exercendo como comercial da súa propia ópera prima, que está a piques de esgotar os primeiros 1.000 exemplares editados
Rafael Rivera, en la Avenida das Américas de Lugo
photo_camera Rafael Rivera, en la Avenida das Américas de Lugo

Rafael Rivera Rey foi unha das miles de vítimas laborais que se cobrou a crise do ladrillo. Este arquitecto técnico vivariense, de 36 anos, gáñase a vida vendendo porta a porta a novela de suspense que escribiu.

Hai un ano autopublicó a súa ópera prima: ‘Riversideking’ -o acrónimo en inglés dos seus dous apelidos-, porque «non quería perder o tempo esperando a que as editoriais axuizasen» o seu traballo literario. Desde entón o que era «unha vía de escape» para a súa «imaxinación» converteuse no seu sustento e no da súa familia. Ten parella e unha filla de só sete meses.

«Dáme para vivir. Agora mesmo dependo dela, aínda que sigo mandando currículos todos os días en busca dun traballo para volver ao meu sector», afirma este escitor novel, que este martes vendeu a súa obra porta a porta na zona de Avenida das Américas da capital lucense.

É un caso máis, iso si peculiar, de autoemprego, que se converteu nunha das alternativas laborais máis recomendables en España para afastarse da lista do paro.

Rafael Rivera desprázase desde Viveiro a vender ás principais cidades galegas porque é onde cre que ten «máis oportunidades» de que frutifique, a pesar de que ten que superar a «desconfianza» inicial dos seus potenciais compradores.

O seu cartón de presentación cando chama ao timbre dun domicilio é a historia da súa vida laboral. Pasou de coñecer o boom da construción -xurdiulle a oferta de traballo cando estaba a acabar a carreira universitaria- á picada da burbulla inmobiliaria. Cando quedou sen traballo no seu Mariña natal, marchouse a Santiago de Compostela, onde estivo catro anos, a media xornada, dando clases de matemáticas e física e química nunha academia.

Deu entón un xiro á súa vida. Marchouse a traballar como axudante de cociña a un hotel de Rialp no Pirineo leridano, que vivía dos usuarios da estación de esquí e do incesante fluxo de compradores da próxima administración de lotería La Bruixa d’Or de Sort. Pero aos catro meses pechou ese aloxamento.

Volveu á súa terra e xurdiulle un emprego nunha editorial en Vigo. Foi a «escola» na que aprendeu a ser comercial, que tamén lle vén agora para dar saída á súa novela. «Pensaba que non me ía a atrever, pero coa práctica perdín o medo a chamar á porta», recorda.

angustia. Da súa criatura literaria conta que ‘Riversideking’ é tamén o nome do pobo estadounidense «esquecido da man de Deus» no que transcorre a acción. A través das viviencias do seu protagonista, Alan Carrish, un camioneiro neoyorkino de orixe irlandesa, di que pretende «xerar un clima de angustia no lector».

Agora está a piques de esgotar os primeiros 1.000 exemplares da súa obra. En decembro verán a luz outros tantos e tratará de que tamén se venda en librerías e nun coñecido portal de comercio electrónico, tanto en formato eBook como en papel.

Comentarios