Traballadores do Sergas lamentan a precariedade dos seus contratos

Reclaman a convocatoria de prazas laborais estables nunha manifestación en Santiago
Manifestación en Santiago
photo_camera Manifestación en Santiago

Traballadores do servizo público galego de saúde, o Sergas, protestaron este mércores na céntrica praza do Obradoiro polos contratos precarios e reclamaron a convocatoria de prazas laborais estables nunha manifestación. Unha portavoz do sindicato profesional Sagap, Eli Dosil, indicou a un grupo de xornalistas que a súa intención é dar visibilidade ante a opinión pública á situación de médicos, enfermeiras, auxiliares e técnicos con contratos precarios, un colectivo que "cada vez ocupa un espazo maior entre os traballadores" do sistema de saúde galego.

A representante do sindicato convocante da concentración e da manifestación indicou que non hai datos precisos, porque o Sergas "négase a facilitalos", pero apuntou que segundo cálculos do Sagap os contratos precarios están "a superar o 30% dos traballadores", incluíndo interinos, eventuais e outros temporais. Destacou que a precariedade afecta a "todas as categorías, desde médicos ata pinches de cociña", aínda que indicou que hai máis entre os traballadores de enfermería e auxiliares, porque tamén representan un maior número de postos de traballo.

A principal reclamación dos manifestantes é a convocatoria de 3.000 prazas laborais, o equivalente ás que consideran que foron suprimidas desde 2009, comentou Dosil, quen opinou que non son suficientes as 818 anunciadas pola Xunta. Subliñou que entre as demais reivindicacións figuran establecer un verdadeiro "pacto de contratación" que sexa "xusto e claro" e que "funcione igual" para todos, xa sexa para un traballador de Ourense como para un de Santiago de Compostela.

Tamén piden que os profesionais que se apunten ás listas saiban "as condicións do seu futuro" laboral para que poidan xulgar "se lles compensan ou non". Ademais, os traballadores reclaman "recuperar toda as categorías que están a desaparecer", entre as que esta portavoz citou varias profesións técnicas de mantemento, de cociña ou de lavandería, que están a ser "entregadas a mans privadas", dixo Dosil.

O sindicato considera que os traballadores dos centros de saúde pública e hospitais deben estar "todos baixo a mesma norma", tal e como comentou a representante de Sagap. Destacou que Sagap quere un compromiso a favor dunha saúde pública "universal, gratuíta no momento da prestación, e de calidade". Varios partidos políticos da oposición denunciaron en reiteradas ocasións a contratación de profesionais do sistema de saúde pública por meses, semanas, días e ata horas, moitas veces encadeados de forma reiterada.

Comentarios