Toni Cantó incorpórase a 'Amar es para siempre'

O actor súmase ao reparto da serie de Antena 3 días despois de converterse no número dous de Renovadores UPyD, a lista liderada por Irene Lozano
Toni Cantó ficha por 'Amar es para siempre' de Antena 3
photo_camera Toni Cantó ficha por 'Amar es para siempre' de Antena 3

Días despois de terse sumado á candidatura de Irene Lozano (Renovadores UPyD), Toni Cantó pecha outra fichaxe, agora, máis televisiva. O actor valenciano, exdiputado de UPyD,  incorpórase á telenovela das sobremesas de Antena 3 'Amar es para siempre', segundo confirmou Atresmedia na súa páxina web.

Xa o pasado 19 de xuño, Cantó comunicou aos seus seguidores en Twitter o que é o seu primeiro proxecto televisivo nos últimos catro anos —a súa última aparición foi na comedia 7 vidas—, nos que estivo metido de cheo na vida política de UPyD.

Súmase así ao reparto fixo da cuarta tempada da serie, na que interpretará ao doutor Eugenio Martos, un cirurxián militar que se namorará de Adela, unha nai desesperada pola enfermidade da súa filla.

Cantó anunciou o pasado mes de abril que abandonaba o escano no Congreso e que renunciaba a ser candidato á Presidencia da Generalitat Valenciana por discrepancias na xestión da formación maxenta liderada por Rosa Díez e que, xa que logo, volvía á súa profesión de actor.


Non obstante, volverá á primeira liña política como portavoz adxunto da candidatura que encabezará Irene Lozano (Renovadores UPyD) para intentar facerse co liderado do partido o próximo 11 de xullo.

Comentarios