Tita Cervera: "Non podo asumir quedarme sen liquidez, se cadra teño que vender outro cadro"

A baronesa insiste en chegar "a un bo acordo" co Estado para actualizar unha cesión que está en plena negociación
Carmen Thyssen posa ante el cuadro 'La Magdalena Penitente', de El Greco, durante la presentación de la exposición 'Obras maestras de Budapest'
photo_camera Carmen Thyssen posa ante el cuadro 'La Magdalena Penitente', de El Greco, durante la presentación de la exposición 'Obras maestras de Budapest'

"Non teño liquidez, podería vender un cadro", asegurou este xoves Carmen Thyssen sobre as negociacións sobre a permanencia da súa colección privada, que valorou en "máis de 1000 millóns", no museo Thyssen-Bornemisza: "Téñome que pagar ata o taxi, non percibo nada polo préstamo".

A baronesa, que antes de comezar a rolda de prensa de presentación da exposición Obras mestras de Budapest, difundira un comunicado valorando en "máis de 1000 millóns de euros" a súa colección privada -distinta da que constitúe o Museo Thyssen grazas á doazón do seu marido-.

A viúva do barón Thyssen insistiu en varias ocasións na necesidade de chegar "a un bo acordo" co Estado para actualizar unha cesión que se renovou hai quince días por un prazo de tres meses e que está en plena negociación. "A colección e eu sentímonos un pouquiño abandonados", subliñou Carmen Thyssen, que recordou que cando vendeu en Londres A esclusa (The lock) de John Constable, en 2012 e por 28 millóns de euros, ofreceu a obra "a diferentes padroados" de museos españois por se querían adquirilo "aínda que fóra a prazos".

Non quixo ir máis aló sobre a posible venda dun cadro, nin de cal podería ser porque, dixo, "un coleccionista non fala de vendas", pero, precisou, non pode "asumir" quedar "sen liquidez". "Téñome que pagar ata o taxi cando veño ás sedes de calquera dos museos. Non recibo nada, aínda que non pretendo nin quero sacar diñeiro e todo o fixen con moito agarimo, pero, simplemente, para que a colección -a do barón- estea como está neste museo eu tiven que renunciar á miña lexítima. Necesito liquidez e se cadra teño que vender un cadro e síntoo moito", dixo. Insistiu en que ela non pode estar "cada ano" asinando unha prórroga "sen aclarar a situación" da súa propia colección.

"Cando es mecenas estás a protexer coleccións pero hai que asegurar o seu futuro e por iso hai que facer as cousas ben e ser consecuente co que a colección representa para o futuro dos meus herdeiros, para o meu futuro como mecenas e para o futuro das seguintes xeracións". Quere, recalcou en varias ocasións, que a súa colección siga en España pero "esixe" mobilidade para os seus cadros, que poidan exhibirse noutros museos en préstamo.

En febreiro de 2000, dixo, asinou un acordo no que "había unha interpretación na parte fiscal" que ela "asumiu" porque era, e é, residente noutro país -o seu pasaporte é suízo-, pero que "desexa aclarar", aínda que non explicou en que consiste esa "interpretación".

Tamén recoñeceu que hai "moi boa relación" co ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, e disposición para que todo se arranxe, así como co de Facenda, Cristóbal Montoro: "Se nos intercambiamos christmas en Nadal...", riuse.

A colección da baronesa, segundo os datos que se manexaron ata agora oficialmente, componse de 429 obras, das que 250 están expostas, e están valoradas nuns 750 millóns de euros.

Comentarios