jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

En tempos de confinamento... volve 'Pratos combinados'

Unha escena de 'Pratos combinados'. TVG
Unha escena de 'Pratos combinados'. TVG
A TVG reporá na televisión a mítica serie, porque "neste momento de confinamento, o entretemento é unha parte fundamental do servizo público"

Xa levaba tempo pendurada no portal enserie.gal, pero agora a Televisión de Galicia recupera Pratos Combinados para a televisión. "Cando os galegos e galegas están a demandar máis contidos audiovisuais para poder pasar mellor estas semanas", a canle autonómica galega repón, a partir do vindeiro martes, unha "das series máis queridas e demandadas pola audiencia, Pratos Combinados, unha das ficcións máis míticas e a máis seguida da súa historia, que tan bos momentos fixo e seguirá facendo pasar á audiencia".

Segundo salienta a Crtvg nun comunicado, dentro do seu labor de "servizo público," a Crtvg "é consciente de que neste momento de confinamento, o entretemento é unha parte fundamental deste servizo público, como así o é, obviamente, a información". Este é o motivo polo que a Crtvg está a manter os seus programas senlleiros de entretemento na grella, sempre tomando as máximas precaucións e prevencións para os seus traballadores. Tamén aumentou a programación infantil e de formación na casa para os máis cativos e está a recuperar momentos históricos do deporte galego.

Emitida entre 1995 e 2006, Pratos Combinados foi a primeira comedia de situación desenvolvida integramente por profesionais de Galicia e cun elenco composto na súa totalidade por actrices e actores galegos. Creada e dirixida por Xosé Cermeño, ao longo dos seus preto de 300 capítulos, pasaron pola serie actores tan recoñecidos como os finados Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira Pico, Mabel Rivera, Antonio Durán Morris, Sergio Pazos, Cristina Castaño, María Castro, Josito Porto, Manuel Millán, María Bouzas, Eva Fernández e Fely Manzano, entre outros.

As tramas desta icona da ficción galega desenvólvense nun bar dunha pequena vila, rexentado por Miro Pereira e a súa muller, Balbina Santos, retornados da emigración en Suíza. Por alí pasan personaxes cómicos como o vividor Antón Santos, irmán de Balbina, o quiosqueiro Tuto, o repartidor Paspallás, o padre Nicanor e o avogado Pedro Barreiro. En cada episodio, Miro e Antón non paran de argallar plans para conseguir cartos ou ir de festa e, para isto, non dubidan en enganar a quen faga falta. 
 

En tempos de confinamento... volve 'Pratos combinados'
Comentarios