A tempada final de 'Xogo de Tronos' estrearase en España o 15 de abril

A serie de HBO desvelou este domingo a data do trinque por medio dun pequeno vídeo de adianto

HBO anunciou que o próximo día 15 de abril estrearase en España o primeiro capítulo da esperada tempada final de Xogo de Tronos, un día despois da estrea en Estados Unidos debido á diferenza horaria.

A serie de fantasía épica Game of Thrones, unha das producións máis exitosas da historia da televisión, estreará a súa oitava e última tempada cun primeiro capítulo e irá chegando aos espectadores con periodicidade semanal, segundo indicaron a Efe fontes da plataforma.

A serie de HBO desvelou este domingo a data do trinque da súa última quenda de episodios por medio dun pequeno vídeo de adianto, aloxado na súa conta oficial de Twitter, no que aparecen Jon Snow (Kit Harington), Sansa Stark (Sophie Turner) e Arya Stark (Maisie Williams) camiñando por un escuro corredor.

Nos últimos segundos do clip, que dura un minuto e medio, aparece no corredor un vento xélido aproximándose cara a eles, unha referencia ao esperado enfrontamento cos malvados Camiñantes Brancos. A tempada final de Game of Thrones contará con seis capítulos que servirán para concluír a ambiciosa e popular adaptación televisiva das novelas de George R.R. Martin.

Emilia Clarke, Kit Harington, Lena Headey e Peter Dinklage son algúns dos protagonistas dunha serie que emitiu o último capítulo da súa sétima tempada o 27 de agosto de 2017. Cos nove recoñecementos que obtivo en 2018 na 70 edición dos Emmy, Game of Thrones ampliou ata as 47 figuras a súa marca absoluta nestes galardóns nos que é a produción máis premiada da historia.

Comentarios