Rogelio Santos: "O primeiro día que saín ao mar supliquei volver, que senón morría alí"

O mariñeiro coruñés Rogelio Santos, con miles de seguidores nas redes sociais, foi condecorado coa Cruz do Mérito da Garda Civil por transmitir a súa paixón polo mar galego
Rogelio Santos. LAVANDEIRA JR.
photo_camera Rogelio Santos. LAVANDEIRA JR.

Rogelio Santos é o novo influencer do mar galego, aínda que ao principio non lle gustase ese nome.

Recorda a primeira vez que tivo contacto co mar?
Recordo un pequeno porto natural en Queiruga (Porto do Son) onde todos os pais levaban aos nenos a axudarlles a limpar os aparellos. Lémbrome da xente do mar, era unha época na que me sentía moi querido. Empecei a xogar cas nécoras e aprendín a collelas na man sen que me morderan.

Como comezou vostede no mundo da pesca?
Cando tiña 14 anos morreu meu pai nun accidente no mar, ía con meu irmán e él conseguíu chegar a terra e salvarse. Por iso tiven que esperar a ser maior de idade para poder ir ao mar de maneira legal. Saquei o Certificado de Competencia Mariñeira e fun axudar ao meu irmán no barco. Tíveno que falar na casa porque eu sempre tiven un rol de axudar a miña nai despois de morrer meu pai e de coidar e atender á miña avoa que tiña alzhéimer.

Cal foi o peor momento que pasou estando no mar?
O peor día da miña vida foi o primeiro que saín ao mar, aínda que o coñecía nunca fora nun barco. Estaba con meu irmán e recordo eso como a tormenta perfecta, un furacán. Pasei moito medo, supliqueille de rodillas que me levara de volta para terra, que se non morría alí. Mentres, meu irmán estaba cantando e eu volvíame tolo. Despois teño estado no mar con temporais tres veces máis fortes e sentíndome seguro.

"A época na que máis lágrimas derramei foi a do Prestige"

Como recorda a época do afundimento do Prestige?
Foi unha das épocas na que máis lágrimas derramei. Fomos unha das embarcacións que tivemos que pasar máis tempo sen saír ao mar, pasei moito tempo vendo as noticias. Ver a costa galega así partíame a alma e ver a axuda dos voluntarios emocionábame moito. Hai moita xente que fixo negocio do desastre pero non me gusta que se fale así dos mariñeiros porque non temos ese mal sentimento hacia o mar, moitos estabamos sufrindo.

Considérase un activista medioambiental?
Eu sempre fun así, o único que cambiou foi a oportunidade que me deron as novas tecnoloxías. Síntome mariñeiro, o resto dos adxectivos ponmos a xente. Non me gustaba cando me chamaban influencer porque pensaba que era xente que vive sen traballar, centrada en cousas banais. Eu fago todo o contrario, o que ofrezo é realidade en estado puro, sen adornos.

Cre que existe desinformación sobre a pesca?
Totalmente. Hai unha desconexión da sociedade co sector do mar, da ciencia e das organizacións ecoloxistas, que a veces ata se criminalizan. Moita xente pensa que os problemas que hai no mar son culpa dos mariñeiros, cando en realidade son as actividades da sociedade as que producen o dano no medioambiente.

"Matriculeime no instituto, pola mañá ía traballar ao mar e pola tarde ía a clase"

Participou algunha vez no mundo da política?
Estiven metido en política cando xurdíu Podemos por ese sentimento común que ten moita xente de rabia contra a corrupción. Non recordo esa época con gusto, descubrín a competencia que existe entre a xente, era moi común que dende as redes sociais me atacasen moito creando perfís falsos e insultándome.

Actualmente recibe moitas críticas en internet?
Apenas, único os animalistas que me din que por moita música que poña nos vídeos son un asasino de animais. As súas mensaxes a veces responden a noticias alarmistas e sensacionalistas. Eu intento que haxa un acercamento e que non sexan tan radicais, fágolles entender que si nós os respetamos a eles e sacamos aspectos positivos do seu movemento, eles tamén nos teñen que respetar a nós.

Como comezou nas redes sociais?
Fai cinco anos matriculeime no instituto, pola mañá ía traballar ao mar e pola tarde ía a clase. Agora fáltanme catro materias para acabar Bacharelato. Foi un profesor o que me animou a comezar a escribir nas redes sociais. Quixen abrir unha ventá ao mar para que a xente coñecera mellor Galicia, o sector do mar e se concienciase co medioambiente. Cando subo algo ás redes sociais non é por gañar me gustas, fágoo por causar un ben a quen o está vendo.

Comentarios