Raphael: "Non farei unha xira de despedida"

O veterano cantante volve con ‘'Infinitos bailes’' arroupado por Dani Martín ou Iván Ferreiro
Raphael.
photo_camera Raphael.

«Con forzas» dabondo para seguir renovándose, así se presenta Raphael aos seus 73 anos no seu novo álbum, un «neno consentido» no que «presta» a testemuña e a voz a unha serie de compositores novos como Dani Martín, Manu Carrasco, Vanesa Martín ou Bunbury.

«Os focos un día apagaranse, pero cando eu decida, porque saberei darme conta do momento», di a propósito da letra dun dos novos cortes, ‘'La última ovación'’, escrita por Vega. «Non farei xiras de despedida, porque non podería soportalo. Un día levantareime e decidirei que xa, cando non me vexa con forza; pero teremos que esperar», engade.

Ata ‘'Infinitos bailes'’ (Universal Music), que se publica este venres, pasou case unha década na que, coa excepción de ‘'El reencuentro'’ (2012), o cantante de Linares dedicouse a regrabarse, «porque aprendín e fago as cousas mellor», sinala.

«Ao ver a cantidade tan enorme de xente nova que vén verme aos concertos, pensei que era o momento para renovar o repertorio», explicou a Efe. Foi o seu fillo Manuel Martos o responsable de elixir a catorce compositores.

«Non fagan vostedes un traxe á medida; se lles sae, que sexa porque quixeron», díxolles. «E fixéronme moitos traxes á medida, como ‘'Igual (loco por cantar)’', de Diego Cantero, que vai ser un bombazo», vaticina Raphael.

Chaman a atención letras poderosas como a de ‘'Carrusel'’, de Iván Ferreiro: «As tormentas camiñan ao meu lado e bailan para min/ e aínda que xamais preguntei, eu seguirei esperando os días que están por vir», canta. «Sempre me sentín así. Iso pásalle a quen teñen unha forma de facer diferente, que impoñen o seu xeito de facer, dicir e vivir a vida, deixando que as tormentas vaian pasando», afirma.

No futuro, Raphael, que este Nadal non terá nin especiais en televisión nin concertos en España, ve máis bailes con estas novas xeracións. «Xa lles dixen que quero máis», avanza o músico, que confirma algún concerto con estes músicos.

Comentarios