¿Que é a afasia, a enfermidade que retirou a Bruce Willis?

Trátase dunha alteración da linguaxe que sufriron outros famosos como Emilia Clarke ou Michelangelo Antonioni
Bruce Willis. WILL OLIVER
photo_camera Bruce Willis. WILL OLIVER

Unha alteración da linguaxe producida por un fallo no sistema nervioso. Isto é a afasia, a patoloxía que retirou ao actor Bruce Villis e que impide ao paciente escribir, ler ou facelo correctamente ademais de non comprender o que lle din os demais e ás veces só poder falar con monosílabos.

"Bruce estivo experimentando algúns problemas de saúde e recentemente foi diagnosticado con afasia, o que está a afectar as súas capacidades cognitivas. Como resultado disto e tras moita reflexión, Bruce retírase dunha carreira que significou moito para el", reza o texto publicado en Instagram. 

¿Pero, que é a afasia? A Asociación de Axuda á Afasia defínea como "unha alteración da linguaxe producida por un fallo no sistema nervioso. Un problema de comunicación que leva implícito un problema social. Esta incapacidade total ou parcial, implica dificultades relacionales na vida das persoas que a sofren".

A afasia vén provocada por lesións cerebrais que, na súa maioría, afectan o hemisferio esquerdo do cerebro, o que significa que un falante normal dunha lingua pode devir nun paciente afásico se, tras un accidente cerebral, queda alterada unha zona do cerebro.

Un traumatismo cranial provocado por un accidente de tráfico, os émbolos, os aneurismas e algúns tipos de tumores e de infeccións poden producir lesións afásicas, aínda que tamén algunhas enfermidades, como a diabetes, e o consumo de alcol e tabaco fan que os suxeitos sexan máis sensibles a esta alteración.

No entanto, descoñécese a causa real que provoca unha afasia xa que, en última instancia, é unha lesión orgánica que se produce de xeito fortuíto e accidental. O paciente afásico é unha persoa "normal" en todo excepto no que se refire á linguaxe, pois non pode escribir, ler ou non o fai correctamente; non comprende o  que lle din os demais e só pode falar con monosílabos.

Esta enfermidade non é allea na industria do cine. A actriz Emilia Clarke, protagonista de Xogo de Tronos, sufriu dous aneurismas mentres rodaba a serie, a primeira delas en 2011; ao humorista británico Terry Jones, fundador dos Monty Python, diagnosticáronlle en 2016 afasia progresiva primaria; e tamén padeceu afasia o director de cine italiano Michelangelo Antonioni, logo de sufrir un derrame cerebral a mediados dos 80.

Outros personaxes soados que padeceron afasia son Michiko, esposa de emperador emérito xaponés Akihito; o escritor estadounidense Harold Robbins, que sufrira unha embolia en 1982 que en ocasións lle causaba afasia ou bloqueo mental; o militar arxentino Jorge Videla, membro da xunta militar que o 24 de marzo de 1976 encabezou un golpe de estado, tras unha irrigación sanguínea no cerebro sufriu afasia parcial.

Tamén o cantante arxentino Gustavo Cerati, tras un accidente cerebrovascular en 2001; o escritor mexicano Sergio Pitol e o presidente alxerino Abdelaziz Buteflika (2019).

comentarios