Protestas en Badajoz polo concerto de Woody Allen

O cineasta e músico Woody Allen elixiu tres cidades europeas para ofrecer os seus recitais do Nadal deste ano. Así, o clarinetista tocará nos escenarios de Badajoz, Barcelona e Mónaco. É nesta primeira cidade na que un grupo de activistas de plataformas cidadás concentraranse hoxe, desde as 20 ata as 24 horas, para protestar polo custo que este concerto supón. O investimento total do espectáculo ascende aos 150.000 euros aproximadamente, un orzamento soportado polo Goberno rexional, o Concello de Badajoz e Cajalmendralejo, xunto coas 773 entradas que se puxeron á venda -a un prezo de entre 20 e 50 euros- e que se venderon nunha hora.

Pero a organización da concentración tamén trouxo problemas aos veciños de Badajoz. A Delegación do Goberno en Extremadura impediu, nun principio, que a congregación se producise fronte ao palacio de Congresos de Badajoz, edificio no que se producirá en concerto, alegando que se poderían producir problemas de tráfico. Deste xeito, decidiu afastar a protesta uns metros, ata a Porta do Pilar.

Os convocantes da concentración, quen ven este concerto como "un auténtico malgasto", recorreron ao Alto Tribunal estremeño tras coñecer a decisión da Delegación do Goberno. Tras a polémica, o Tribunal Superior de Xustiza de Extremadura (TSJEX) deulles a razón. Deste xeito, a protesta celebrarase finalmente fronte ao palacio de Congresos de Badajoz, a pesar de que a Delegación do Goberno en Extremadura "persiste" en que a concentración non se realice na chaira situada no espazo público da parte exterior do edificio, alertan os convocantes.

Comentarios