El Progreso premiará os mellores relatos e poemas escritos polos seus lectores

O certame Historias detrás das Ventás anima a crear no confinamento e ante o 17-M

El Progreso vén de poñer en marcha o certame Historias detrás das Ventás coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Contempla modalidades de narrativa e poesía, pensando na situación de confinamento e as Letras Galegas.

Calquera persoa pode presentar obras. Os menores de idade deben acompañar os textos dunha autorización asinada polo seu pai, nai ou titor legal.

Os textos, de temática libre, deben ser inéditos e estar escritos en galego. A extensión dos contos non pode ser inferior a 3.000 caracteres nin superior a 4.000. Os poemas contarán con entre 14 e 60 versos. Non hai límite no número de obras, que deben remitirse a [email protected], indicando a categoría, antes do 12 de maio. Unha escolma será publicada en El Progreso.

En cada categoría haberá dous premios, de lotes de libros en galego valorados en 300 euros (para o primeiro) e de 200 (o segundo). O fallo darase a coñecer na semana seguinte á das Letras. O xurado contará con persoas relacionadas coa literatura e o xornalismo.

comentarios