Pilar Abel, suposta filla de Dalí, sométese en Madrid ás probas de ADN

A xuíza ordenou tamén a exhumación do cadáver do pintor para comparar a mostra, feito ó que se opón a Fundación Gala-Dalí
Pilar Abel atiende a los medios en la entrada del Instituto Nacional de Toxicología
photo_camera Pilar Abel atiende a los medios en la entrada del Instituto Nacional de Toxicología

Pilar Abel, a muller que leva unha década litigando para que se recoñeza que é filla de Salvador Dalí, someteuse este martes á extracción de mostras de saliva para obter o seu ADN. A maxistrada María del Mar Crespo, do xulgado número 11 de primeira instancia de Madrid, asinou o 26 de xuño un auto polo que se ordena a exhumación do cadáver do pintor (1904-1989) e ínstase a Abel a facerse as probas ás que se someteu este martes no Instituto Nacional de Toxicoloxía.

A Fundación Gala-Dalí presentou tres días máis tarde, o 29 de xuño, un recurso, co respaldo do despacho de avogados Roca Junyent en coordinación coa Avogacía do Estado, xa que a demanda de paternidade diríxese tamén contra o ministerio de Facenda e Administracións Públicas como herdeiros legais do pintor. No seu recurso propoñen á xuíza a posibilidade de que se comparen, previamente, o ADN de Abel co do seu irmán. Se se demostrase que ambos son fillos do mesmo proxenitor, descartaríase de forma decisiva a paternidade do artista catalán. 

O avogado da demandante, Enrique Blánquez, explicou este martes  ás portas do Instituto Nacional de Toxicoloxía que "esa é unha proposición que fixo a Fundación no recurso: a fundación pretende o cotejo do ADN dos irmáns", "pero iso non está ordenado" nin cre que se vaia a facer, porque o irmán non é parte neste preito.


"Levamos dous anos con este procedemento, e esta proba a do ADN do irmán de Abel—  non garantiría que fose concluínte, non podemos arriscarnos a perder outra vez outros dous anos", subliñou o letrado.

Os resultados das mostras obtios este martes servirán para comparalas coas obtidas tras a exhumación do pintor, afirmou Blánquez, porque ata que non haxa mostras do artista "vai ser imposible".

Abel explicou que a proba á que se someteu consistiu na extracción de mostras de saliva e que, aínda que a súa nai tamén estaba citada este martes a petición do Instituto Nacional de Toxicoloxía, "non puido" desprazarse por motivos de saúde.

"Eu fíxenme tres probas, con esta xa é a cuarta. Pero á cuarta vai a vencida. Polo menos teño que confiar no Estado español", dixo Abel, que asegura que nunca lle deron os resultados das probas anteriores.

A primeira foi nun laboratorio de San Sebastián de los Reyes (Madrid) a partir de restos de pel e cabelos do artista adheridos a unha máscara de xeso mortuoria, e a segunda en París "no despacho de Robert Descharnes", colaborador e biógrafo de Dalí.

Abel asegurou que este exame é un "primeiro paso" e que, "se esperou 10 anos" para chegar a este día, pode "esperar uns días máis". "Que sexa o que sexa, pero que sexa bo. Eu son moi positiva", concluíu.

Comentarios