miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Pérez Hilton, o máis famoso de Internet

O blogueiro de orixe cubana Pérez Hilton, unha das personalidades máis temidas polas celebridades, coroouse por terceiro ano consecutivo como a persoa máis famosa en Internet, segundo unha nova lista da revista Forbes.

Hilton, de 31 anos e cuxo nome real é Mario Armando Lavandeira, domina un ano máis o ranking co que a publicación económica detalla quen son as persoas que se fixeron famosas principalmente por crear contidos para a rede e agora son recoñecidos por millóns de internautas ao redor do mundo.

"O controvertido blogueiro Pérez Hilton reina unha vez máis no mundo dos famosos en internet", explicaron os responsables de Forbes, que recordaron que o portal de Hilton atrae a máis de 7,2 millóns de persoas cada mes e é unha das 500 webs máis visitadas.

Hilton, que se converteu en toda unha referencia no mundo do entretemento entre os internautas por falar sen andrómenas dos famosos, conta ademais con 1,77 millóns de seguidores no popular servizo de microblogueging Twitter.

A revista recorda que no 2009 o blogueiro, nacido en Miami e quen asegura que dirixe "a web máis odiada en Hollywood", centrou a atención mediática ao levar o debate sobre as vodas gais ao certame de beleza Miss USA, onde lle preguntou a súa opinión a Miss California, Carrie Prejean.

"O matrimonio debería ser algo entre un home e unha muller", dixo entón Prejean, en resposta á pregunta do famoso blogueiro.

O segundo posto da lista de Forbes é para Michael Arrington, encargado do popular blogue TechCrunch, un dos portais máis coñecidos do mundo da tecnoloxía e que a miúdo adianta as noticias máis importantes do sector.

Tras Arrington situouse o escocés Pete Cashmore, grazas tamén a un portal dedicado ao mundo da tecnoloxía, o coñecido Mashable.com, no que o blogueiro deixa claro, segundo Forbes, que é "un experto no uso das redes sociais".

En cuarta posición debutan este ano na lista os fundadores de Twitter, Evan Williams e Biz Stone, a quen a revista responsabiliza de converter co seu servizo de microblogues "unha obsesión da industria tecnolóxica nun fenómeno nacional" que centrou a atención de todo o mundo no 2009.

As primeiras cinco posicións péchaas Kevin Rose, o fundador de Digg.com, un popular sitio de Internet que permite valorar e recomendar noticias da rede e que se converteu, segundo Forbes, "nun punto de referencia na comunidade tecnolóxica" capaz de recibir a máis de 35 millóns de visitantes cada mes.

Entre o resto de seleccionados da lista atópanse outro blogueueros de novas tecnoloxías e economía, e incluso a polémica artista dos reality shows Tila Tequila ou algúns aspirantes a actores que triunfan coas súas interpretacións en Youtube, como o mozo Shane Dawson, cuxos vídeos se viron máis de 204 millóns de veces no popular sitio de vídeos online.

Pérez Hilton, o máis famoso de Internet
comentarios