A Ocu alerta sobre as pizzas refrixeradas: só dous das 16 analizadas non teñen aditivos

A organización de consumidores advirte sobre estes alimentos "calóricos, moi ricos en graxas e con demasiado sal"
Una pizza. PIXABAY
photo_camera Unha pizza. PIXABAY

 Un estudo da Organización de Consumidores e Usuarios detectou que as pizzas refrixeradas teñen un alto contido en graxas, moito sal e, a maioría delas, unha excesiva cantidade de aditivos, polo que recomenda tomalas só de forma eventual ou preparalas en casa. A Ocu analizou 16 pizzas de venda en supermercados, a metade de xamón e queixo e a outra metade de catro queixos, as dúas referencias máis vendidas.

A análise revela que son alimentos calóricos, moi ricos en graxas e teñen demasiado sal. En concreto, unha ración de 200 gramos, que vén ser media pizza, achega de media máis de 450 kilocalorías (500 kcal as de queixo refrixeradas), entre 16 e 19 gramos de graxa, dos cales entre 8 e 11 son saturadas; preto de 50 gramos de hidratos de carbono, uns 24 gramos de proteínas e ao redor de 3 gramos de sal, cando se recomenda non superar os 5 gramos diarios.

Talvez porque a materia prima non é de gran calidade, os fabricantes utilizan moitos aditivos e aromas

Ademais, antes de meter ao forno as pizzas refrixeradas, un panel de expertos cociñeiros probou o xamón e o queixo e a maioría das apreciacións foron negativas: xamóns duros e secos, e queixo con pouco sabor.

Segundo a Ocu, "talvez porque a materia prima non é de gran calidade, os fabricantes utilizan moitos aditivos e aromas: hai produtos con máis de dez aditivos diferentes". A excepción, dúas pizzas de queixo refrigeradas que non declaran ningún tipo de aditivo nin aroma: Casa Tarradellas e Hacendado de Mercadona.

O resultado final da análise, incluíndo a proba de degustación, apunta como a mellor pizza de xamón e queixo a de Casa Tarradellas (de 2,59 a 2,66 euros), mentres que Hacendado (1,99 euros) e Auchan (1,85 euros) son produtos de boa calidade a bo prezo.

Entre as de catro queixos, a de Casa Tarradellas (de 2,59 a 2,66 euros) volve ser a mellor, seguida da de Carrefour (1,99 euros), que ten unha calidade media a bo prezo.

Comentarios