O sexólogo Efigenio Amezúa defende que con máis erotismo habería menos porno

Efigenio Amezúa en la inauguracion da Semana Galega de Filosofia
photo_camera Efigenio Amezúa en la inauguracion da Semana Galega de Filosofia

O sexólogo Efigenio Amezúa defendeu este luns que con máis erotismo habería menos porno, no marco da Semana Galega de Filosofía, que arrinca a súa XXXII edición, centrada nas relacións entre filosofía e sexualidade.

Amezúa, catedrático da Universidade de Alcalá, fixo esta apreciación antes da súa conferencia sobre a relación entre sexo e amor desde a perspectiva histórica e etimolóxica que parte da Grecia Antiga.

Divulgador contra os tabús durante a Transición, Amezúa recordou que a pesar das connotacións negativas que se asocian ao sexo, "está claro que é de interese vital para todos".

Criticou a desconexión xeracional no relativo á información sobre sexo e cualificou a homosexualidade como "unha variante máis" das relacións entre homes e mulleres, na que "o asunto é entenderse".

Durante a súa conferencia, o experto recordou O banquete de Platón para defender a sexualidade como resposta ao amor (Eros), e fixo un repaso pola identificación histórica entre xenitais e sexo ata os nosos días.

Antes da intervención do profesor Amezúa celebrouse o acto de inauguración da Semana, organizada pola aula Castelao, cuxa presidenta, Ana Regueira, dixo que se centrará en analizar como "a vida moderna está a cambiar a sexualidade".


Tamén estudará de que modo "a saída á luz de colectivos marxinados cambiou a sexualidade de todos" en relatorios que se celebrarán en horario de mañá, tarde e noite desde hoxe ata o venres.

Comentarios