O retorno

PRINCIPIOS de xullo. Falaban de moita calor, de altos grados centígrados. Pero os homes e mulleres do tempo tiñan unhas máquinas que podían tamén cometer erros, non acertar sempre. Chovía, pois, in crescendo. Primeiro, pequenas gotas, soportables, logo con máis intensidade. Pero era máis ca lóxico, estaba en Galicia. Ese singular paraíso, que ás veces sorprendía con alternancias climatolóxicas máis típicas doutras latitudes.

Avanzou, lento pero sentíndose seguro. A costa, ben empinada, tiraba moito. O terreo, escarpado, cedía un pouco nas fochancas causadas pola choiva caída e que seguía caendo. Eran as primeiras horas da mañá, as forzas estaban intactas, ben cargadas as pilas polos alimentos do almorzo matinal, algo imprescindible para rodar ben e moito.

Aferrouse ao guiador da súa bicicleta de montaña. Alzouse do asento e cargou toda a súa forza nas pernas, ao tempo que moveu piñóns e pratos buscando máis facilidade para afrontar a subida. A súa singular compañeira estaba pensada para xestionar situacións semellantes, así que a confiar nela. E avanzou, coa dificultade que un amante da bicicleta, pero non profesional da mesma, podía ter neses intres e situacións. Había que superalas, como mellor podía e, sobre todo, sabía.

Guiaba o seu vehículo con forza e ilusión. Era feliz. Tivera que esperar, as circunstancias mandaban e non quedaba outra. Un tal covid-19 decidira tomar o mando do mundo e limitar moitas cousas, entre elas percorrer un itinerario que mesturaba un montón de boas cousas: o Camiño de Santiago, ese percorrido que ao principio a pé, logo en bicicleta fora descubrindo nas súas variantes: Francés, Norte, Portugués, Inglés, etc.

Pero agora as tornas volvían á realidade, máis ou menos, pero a unha certa realidade. Non tiña nada que ver coa liberdade do pasado, pero podíase ‘respirar Camiño’. Sobre todo facer caso a un lema que atopara moitas veces cando entrara en Galicia: ‘Sentidiño’. Non precisaba traducir para darse conta do significado daquela palabra nos tempos convulsos que corrían.

Concentrouse no percorrido, que deixaba ao seu carón aspectos moi típicos da xeografía galega. 

MIguel Cumbraos Álvarez 

Que se hórreos de vella pedra, que se eucaliptos plantados uns cantos anos atrás cando a conciencia ecolóxica non existía, que se cargados campos de millo, que se agricultores e agricultoras en pleno traballo estival. Todo un singular decorado, que xa coñecía do pasado, que agora redescubría ledo e agradecido.

Avanzaba, como facían os números dun pequeno aparello que dende o guiador aportaba infinidade de datos: velocidade, distancias, calorías, etc. O tempo pasaba veloz, sinónimo de cousa boa, quería dicir que estaba gozando, que como todo o bo, acábase pronto. Non podía pechar os ollos e soñar, pero si deixou levar a súa imaxinación e aproveitar o momento.

Prudencia, pero sen medo. Precaución, pero tranquilidade. Cumprir unha e todas as medidas marcadas, quizais as sanitarias máis facilmente, as sociais con máis traballo, visto o seu carácter sociable e aberto. Era o que había, non quedaba outra. Mirou para adiante, pedaleou un pouco máis e pensou que aquilo lle gustaba. Compostela máis preto, vivindo o Camiño.

Comentarios