O PEN Galicia cabalga cara ao seu congreso

Como vivo nesta arcadia lenta do conventus lucensis non me decato do que corre a vida. O PEN Galicia galopou cara a unha asemblea acusada de apresada e sinuosa

O MÉRCORES baixei ao Club Fluvial tras cinco días de nadar nunha aplicación do móbil. Fun andando, polo que aproveitei para escoitar ‘ O ocaso dos deuses’, unha desas óperas grandilocuentes de Wagner, e ler o blog O Porto dos Escravos, de Mario Regueira. Supere vostede a miña pedantería.

Na entrada ‘Rúa Álvaro Cunqueiro’, Regueira encadea argumentos para demostrar que Cunqueiro era tan conservador como un xeneral prusiano. Acepto que Cunqueiro era, un nostálxico da propiedade rural e diletante sustentada por labregos. Sei que era un inmoral que se beneficiaba de calquera regalía. O problema de Mario Regueira é que suma certezas, suposicións e bromas que non comprende. Nese último apartado recolle a rexouba de que Cunqueiro pediu que desinfectasen unha caseta na feira do libro de Vigona que ía asinar porque estivera Marcelino Camacho. O artigo conclúe co respaldo a que lle quiten a rúa en Madrid.

Discrepo de que o único criterio para quitar pracas azuis sexa político. Segundo esa teoría, eu non podería camiñar atronado por Wagner e nin sequera debería tocar os libros de William Burroughs por aquel día salvaxe e borracho no que convenceu á muller para recrear a ópera ‘Guillerme Tell’, de Rossini. Ser bo creador e ser boa persoa é unha coincidencia rara.

Un escritor catalán, Pere Tobaruela, que ten o bo gusto de admirar a Cunqueiro, fixo o esforzo de aprender galego e aplicalo nas súas novelas. O luns lin no Facebook que unha editora non lle paga os dereitos de autor. Asegura que recorreu á Asociación de Escritores en Lingua Galega (ALG) e ao PEN Galicia. Tras «unha espera de meses» a AELG empezou a asubiar ‘Negra sombra’ e mirar para outro lado. E o PEN? Habelo, haino.

O martes fun informar sobre a exposición  ‘Airiños, aires,... Rosalía’, unha colección de fotografías en branco e negro que Xurxo Lobato presentou en Lugo. Fixenlle reverencias porque as imaxes son magníficas. Un traballo de calidade gaña en consideración cando non se adorna de ironía. A gravidade de Rosalía impregna as imaxes. Rosalía puido ser todas esas cousas que se lle atribúen pola banda de Laíño e pola de Lestrove —feminista, comunista, nacionalista, pianista— pero naceu para participar en ‘El club de la comedia’.

Malia a escasa chispa da autora, si é verdade que a súa obra ten ese carácter poliédrico da xenialidade que permite tantas lecturas. A AELG promoveu o mércores unha xornada dedicada á escritora que se vai consolidando felizmente en todo o país. Unha iniciativa que aplaudo.

Xurxo Lobato dicía na presentación da súa mostra que Rosalía é a única figura pública que pon de acordo «a todas as tribus do país». Hai moitos escritores que non o lograron. Cunqueiro ou Julio Camba, por exemplo. Comparto o rexeitamento político ao mindoniense, pero o columnista pontevedrés era ostentosamente cínico en asuntos públicos. Non comprendo o criterio do historiador Antonio Ortiz Mateos para sacalos do rueiro de Madrid. Figuran nel polas súas obras, non polas súas concepcións sobre a sociedade. Outra cousa é que eu pense que Camba non pasaba de ser unha medianía literaria e mesmo unha medianía humorística.

Como vivo nesta arcadia lenta do conventus lucensis non me decato do que corre a vida. O PEN Galicia galopou cara a unha asamblea que foi acusada de apresada e sinuosa

Toda nominación causa problemas inevitablemente. Ao redactala, conténtase aos incluídos e amólase aos excluídos. O problema é que os segundos son maioría. Habitualmente unha maioría silenciosa, pero non sempre. O escritor compostelán Suso de Toro protestaba a semana pasada en Twitter por non figurar na Lista de Bos Aires, que é como se coñece aos escritores, editores e adxuntos que van representar a a Santiago na feira do libro da capital arxentina. Queixábase De Toro por non ser convocado cando non hai moitos que teñan escrito tanto sobre a cidade. Vou opinar sen ironía: leva toda a razón. Poucos escribiron tanto sobre Compostela. O novelista en excendencia non tardou en darse un cariño noutro ‘tuit’: «O Concello quere que vaia, intentarei solución». Martiño Noriega dispón de varias prazas.

Os beneficiarios da Lista de Bos Aires reuníronse recentemente. O motivo? «Temos orquestra, pero non partitura», sintetizou un escritor e editor. Precisaban elaborar un discurso conxunto para que os tomen en serio na feira de edición comercial máis importante de Suramérica. Seica que o son do encontro foi a cabalgada das valquirias.
Suso de Toro levou outro disgusto por outra lista. Nesta por figurar. Volvía prender un foco en Twitter confesando a súa sorpresa por atoparse nunha candidatura ás eleccións do PEN Galicia. Feriuno o fogo amigo, pero supuxo que o disparo era un «erro». Así debeu de ser porque o seu nome xa non figuraba na lista que se votou, na que apareceron inesperadamente os nomes de Marilar Aleixandre e Román Raña.

O xoves baixei de novo á piscina. Na andaina, lin que o fundador do PEN Galicia Xavier Alcalá percibe que o proceso polo que se proclamou presidente a Luís González Tosar —asiduo dende hai 21 anos— foi apresado e sinuoso. A votación resultou unánime, entusiasta e devota. Alcalá cheira numerosas «trapalladas».

Hai impaciencia por ese congreso do PEN Internacional que se celebrará en outubro en Ourense. 250 escritores de todo o mundo debatirán sobre os colegas perseguidos entre sorbete de limón e entrecot de cachena. Eu nada sei porque vivo na arcadia vagarosa do Conventus Lucensis, pero a Deputación ofreceu pagar a ‘dolorosa’ e aínda non temos a conta con Ive. Polo de agora, soamente  escoitamos as palabras que pechan ‘O ocaso dos deuses’: «Que importa se todo isto é un desastre? O importante é que nos queremos».

Comentarios