O certame Contos de Verán premia narracións sobre os efectos da crise económica

El Progreso entregou onte os seus galardóns de narrativa curta a Xerardo Vidal e a Ángela González Ferro no Día de Rosalía de Castro
De esquerda a dereita, Luis Rodríguez, Valentín García, Blanca García Montenegro, Xerardo Vidal, Ángela González e Tito Diéguez
photo_camera De esquerda a dereita, Luis Rodríguez, Valentín García, Blanca García Montenegro, Xerardo Vidal, Ángela González e Tito Diéguez

Os gañadores da terceira edición dos premios Contos de Verán recolleron onte os seus galardóns de mans da presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, e máis do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Tanto o gañador, Xerardo Vidal, como a finalista, Ángela González Ferro, tratan nos seus relatos as consecuencias da crise económica. Os protagonistas son senllos desempregados.

García Montenegro destacou que se trata de una convocatoria "sen condicións", na que poden participar escritores "de calquera idade, ao que se presentan tanto mozos como maiores", aínda que ela se felicitou onte de que os premios Contos de Verán estean animando a xente nova a facer literatura.

Ese mesmo aspecto foi subliñado por Ángela González Ferro, a autora de Chove cans e gatos, quen tomou a palabra na entrega para agradecelle ao diario El Progreso "unha iniciativa que aposta por persoas que teñen a inquedanza de escribir". A autora contou a experiencia feliz que supón "ver o teu artigo publicado e poder compartilo coa familia". Dixo sentir "unha grande gratitude".

A presidenta de El Progreso quixo compartir ese agradecemento coa Secretaría de Política Lingüística da Xunta polo "entusiasmo " co que apoia a organización do concurso.

O responsable dese departamento da Xunta explicou que a iniciativa literaria de El Progreso "incentiva a creatividade e favorece que a literatura estea ao alcance de todos". Valentín García considera importante o "compromiso coa lingua galega que ten El Progreso. Incluíu Contos de Verán nese "compromiso" e presentouno como "un xeito amable e atractivo" de promover o galego.

Blanca García Montenegro indicou que a calidade dos relatos non llo puxo fácil ao xurado, que estivo coordenado pola xornalista de El Progreso Marta Veiga Izaguirre e contou co subdirector do diario Tito Diéguez, o redactor Santiago Jaureguizar e presidido polo responsable do PEN Galicia, Luís González Tosar, que se disculpou por non poder acudir á entrega.

DESEMPREGADOS. Xerardo Vidal (Lugo, 1979), con formación de administrativo, apuntou que o relato gañador, A chamada, trata sobre "como se afunden os desempregados", aínda que o seu, probablemente, "xa tocou fondo e toma con humor a súa situación".

Na superficie parece haber unha crítica ao caos que xera a burocracia, pero o autor desbota esa interpretación porque " a burocracia nin está nin deixa de estar". 

O escritor asegura que a historia que narra "non é persoal, soamente nun 17 por cento", bromeou.Para concretar, sinalou que trata de reflectir a situación da xeración anterior á súa "porque sempre se fala dos parados de 20 anos ou dos parados de 60 anos".

Ángela González, pola súa banda, desenvolve unha historia menos áceda, máis emocional. O seu protagonista desespérase pola falta de emprego, pero recupera a esperanza no ser humano ao ver a escena dun home cargando cun can nun día de chuvia. A escritora dixo que se inspirou nun veciño seu ao que viu un día de treboada levando en brazos "un can vello e espeluxado que estaba cerca da morte".

Xerardo Vidal empezou a ser escritor hai vinte anos. "Fun á Biblioteca Provincial de Lugo e empecei a ler de todo, empezando pola sección de Galego", recorda. Aínda hoxe mantén ese interese pola literatura e non para de escribir novelas breves.

A dedicación literaria de Ángela González é máis intermitente, aínda que non se perdeu ningunha edición dos Contos de Verán. Normalmente, participa en convocatorias literarias xunto coa súa nai. Neste caso, logrou ser "finalista por vez primeira".

Comentarios