Un novo fármaco duplica a supervivencia do cancro de mama metastásico

O medicamento foi aprobado en EE.UU. e Europa► Nos ensaios participaron oncólogos cataláns
Investigación en un laboratorio. EP
photo_camera Investigación nun laboratorio. EP

Investigadores do Hospital Clínic-IDIBAPS, do Instituto Catalán de Oncoloxía e do Vall d'Hebron Instituto de Oncoloxía participaron nun ensaio internacional que demostrou a eficacia dun novo fármaco que duplica a supervivencia en pacientes con cancro de mama metastásico con baixa expresión de HER2.

Os niveis de HER2, unha proteína que se atopa no exterior das células tumorais, determínanse de forma rutineira para decidir cal é a estratexia de tratamento adecuada para o cancro de mama.

No caso dos tumores metastásicos HER2 negativos, hase visto que o 55% non teñen amplificación do xene HER2 –xa que logo, ata agora son considerados como HER2-negativos— pero o 70% destes expresan niveis baixos da proteína HER2 (HER2-low). Estes tumores HER2-low son un grupo moi heteroxéneo que inclúe outros dous subtipos en función de se as células tumorais expresan ou non receptores hormonais (RH): RH positivo ou RH negativo.

"Ata agora, as pacientes con tumores HER2-negativos non se beneficiaban de tratamentos contra o HER2 como o trastuzumab, un anticorpo que cambiou a evolución do cancro de mama HER2-positivo", explicou o oncólogo do Clinic Aleix Prat.

Agora, grazas a este novo fármaco inmunoconjugado, que combina 7-8 moléculas dunha quimioterapia moi potente co anticorpo trastuzumab, "prolóngase a supervivencia das pacientes", engadiu.

O novo fármaco trastuzumab deruxtecan conxuga un anticorpo monoclonal (trastuzumab) cun quimioterápico ( deruxtecan) e foi aprobado recentemente para tratar o cancro de mama metastásico HER2+ pola Axencia do medicamento de Estados Unidos (FDA) e de Europa (EMA).

Agora, este fármaco pode dirixirse tamén a células tumorais que expresen niveis baixos de HER2 e transportar a carga citotóxica a estas células tumorais pero tamén ás células veciñas sen expresión do HER2, un efecto coñecido como ‘bystander'.

"Un dos retos actuais será asegurar que se miren de forma adecuada os niveis de HER2 porque ata agora non era importante, pero agora éo moito, e estudos previos mostran gran discordancia entre patólogos".

En cifras: o HER2 negativo representa o 70% dos de mama
O cancro de mama é o tumor máis frecuente en mulleres en todo o mundo, afecta a 2,3 millóns de persoas e causa a morte de 571.000 cada ano. Os cancros de mama HER2 negativo representan o 70% de todos os tumores.

"Moi relevantes". "Os resultados obtidos son estatisticamente significativos, clinicamente moi relevantes e con efectos adversos moi manexables. Este tratamento pasará a ser un estándar en breve", concluíu o oncólogo Miguel Gil.

Comentarios