Nomes que dan que falar

Chámanse igual que outra xente coñecida e iso tenlles ocasionado situacións curiosas ao longo da súa vida. Eles son únicos e calquera parecido é coincidencia
Marta Sánchez, de Vilalba. EP
photo_camera Marta Sánchez rexenta O Rincón Encantado, en Vilalba. EP

Comparten nome e apelido con xente famosa. Non poden evitar algunha confusión e moitas bromas, pero lévano ben. Séntense singulares e non paran de acumular anécdotas.

Manuel Fraga, Marta Sánchez, Rosalía Castro, Julio Iglesias, Pablo Iglesias e Pedro Sánchez. Ao escoitar eses nomes a imaxe mental é inmediata, pero enganosa. A foto dos protagonistas desta reportaxe é outra.

Manuel Fraga CarouMANUEL FRAGA. Comenta entre risas que ten "un apelido corrente e o nome máis popular de todos", pero sabe que as dúas palabras xuntas dan moito que falar. Manuel Fraga Carou é xornalista e mesmo ten entrevistado ao seu homónimo, o político de Vilalba.

Conta que coñeceu persoalmente a Manuel Fraga Iribarne e mesmo chegou a entrevistalo. Ao daquela presidente non lle impresionou saber que o xornalista se chamaba tamén Manuel Fraga, pero non acontecía igual cos membros do seu Goberno. "Por motivos de traballo chamaba moitas veces á Xunta para falar con algún conselleiro e imaxina cando as secretarias lles dicían que estaba Manuel Fraga ao teléfono", bromea.

Pero é que o nome se presta para malentendidos. "Sobre todo nos hoteis, cando facía algunha reserva. Lembro unha vez nun hostal de Madrid. A dona estaba empeñada en que eu debía ser fillo do entón presidente da Xunta e dicíame: 'Sé quien es usted, entiendo que no se quiera dar a conocer'. E por máis que llo negaba non se quería convencer de que eu non tiña nada que ver co Manuel Fraga que ela pensaba".

Manuel Fraga é xornalista e unha vez perdeu un agasallo porque o repartidor llo levou ao político

Por esas confusións case naturais perdeu nunha ocasión un agasallo de aniversario. "Fraga gañara as eleccións en decembro do 89 e tomou posesión en xaneiro. Neses días tamén foi o meu aniversario. Daquela moita xente enviou regalos á sede do PP para celebrar a vitoria e un paquete dirixido a min acabou entre eles. Era un chaveiro de Acisclo Manzano que me enviara unha amiga. Cando ela me chamou para saber se o recibira, reclameillo á empresa de transportes e confirmáronme que llo entregaran ao outro Manuel Fraga. Intentei recuperalo a través doutras persoas do PP, pero nunca apareceu", relata.

As anécdotas sucedéronse ao longo da súa vida. Son tantas que lle resulta difícil elixir. Lembra como curiosidade unha dos seus tempos de xornalista radiofónico. "Viñeron dúas rapazas inglesas a facer unha estancia na Universidade de Santiago de Compostela e elaboraron un traballo sobre o Goberno autonómico. Deberon escoitarme algún día e nas conclusións mencionaron que o presidente da Xunta facía tamén un programa na radio".

Marta SánchezMARTA SÁNCHEZ. "¿Tú cantas? Creo que he escuchado esa pregunta unas mil veces", asegura Marta Sánchez. E a resposta é non, non canta. Aínda que se chama igual que a cantante, esta rapaza é de Vilalba e xestiona unha tenda de roupa e accesorios que se pode visitar tanto presencialmente como a través da web orinconencantado.com.

Di que o seu nome lle proporciona múltiples anécdotas. "Son detalles pequeños, pero suceden continuamente. Es oír el nombre y la gente se para, hace una pausa y te mira, dudando entre hacer un comentario o no. Les llama la atención". En realidade, non entende moi ben a estrañeza porque "es un nombre muy común y el apellido también, así que no es raro que haya muchas".

Aínda así, ten vivido situacións moi diversas a conta da cantante. "No tiene sentido, pero alguna vez piensan que estoy de broma. Por ejemplo, una vez quise hacer una reserva por teléfono y al dar mi nombre me contestaron: 'Sí, claro, y yo Julio Iglesias'".

Marta Sánchez é unha moza de Vilalba que está farta de explicar que ela non canta

Recorda con humor "el cachondeo que se montó en el quirófano las dos veces que me sometí a cirugías. Supongo que sería para rebajar la tensión, pero hasta me cantaban mientras esperaba a que me hiciese efecto la anestesia".

A Marta Sánchez vilalbesa tivo ocasión de ver á outra unha vez que actuou nas festas do San Ramón. "Yo era pequeña y recuerdo haberla visto en un concierto", pero nin sequera é moi fan da cantante. "No la sigo mucho, ni fu ni fa, me parece una chica un poco fría", apunta.

Nunca pensou en facerlle saber da súa coincidencia. "Si la veo por la calle no la paro", comenta entre risas.

Rosalía CastroROSALÍA CASTRO. Escribe poesía desde nena, pero nada ten que ver coa autora de Cantares gallegos. Esta Rosalía Castro é actriz, de Burela, e no seu DNI figura como Rosalía Quelle Castro.

Explica que cando empezou no mundo da interpretación decidiu invertir a orde dos seus apelidos e utilizar primeiro o da súa nai. "Sonoramente ten máis empaque, pero ademais é que fóra de Galicia non pronunciaban ben Quelle. Pensaban que era estranxeiro porque esa palabra existe en alemán e dicíano sempre mal. A min gústame, pero optei polo Castro", comenta.

A actriz burelesa está moi orgullosa de chamarse igual que a afamada escritora galega. "Pregúntanme sempre se teño algo que ver con ela, se somos familia. Eu digo que non, que me gustaría porque adoro a Rosalía, pero non teño nada que ver con ela, só no sentido sentimental e artístico".

No que si ten que insistir é en que o seu nome difire na preposición. "Eu non teño un de entre o nome e o apelido. Son só Rosalía Castro. Por moito que o diga sempre me poñen Rosalía de Castro".

Rosalía Castro é actriz, de Burela, gústalle escribir poesía e loce con orgullo o seu nome

A Rosalía lucense acaba de rematar unha xira co Centro Dramático Galego que a levou por distintos puntos de Galicia, de Portugal e ata cruzou o Atlántico para actuar en Bos Aires e Montevideo. 

Representaron O charco de Ulises, unha versión da Odisea da que desfrutou moito. "Eu tiven un papel moi bonito. Era Circe, unha muller que embelesa a Ulises".

Tras un tempo por terras galegas, Rosalía Castro voltou a Madrid para traballar coa súa compañía, La Smorfia Teatro, nun novo proxecto. "Non podo dar detalles porque aínda estamos comezando a montaxe, pero neste 2022 esperamos ter todo listo para facer algunha representación en Madrid e espero que en Galicia tamén", avanza.

Julio IglesiasJULIO IGLESIAS. Naceu en Moncelos, en Abadín, e vive en Begonte, onde rexenta o restaurante Ponte Miraz. Di que chamarse igual que o cantante lle leva dado moito que falar. "A todo o mundo lle chama a atención. Cando estiven no hospital era o famoso da planta, pero falta fai ter algo do que rirse cando un está neses sitios", comenta.

Asegura que el non canta "porque o fago moi fal", pero di que a sombra do cantante o segue cada vez que ten que dar o seu nome onde non o coñecen.

Non é o primeiro Julio Iglesias da súa familia. "O nome xa vén de vello. O meu pai tiña un primo que se chamaba así", apunta. 

Julio Iglesias é moi coñecido en Begonte polo seu restaurante e por ser un experto pescador

Pero do parente que está realmente orgulloso é de Aquilino Iglesia Alvariño. Aínda que o apelido difire nunha letra, asegura que o poeta era familiar lonxano do seu pai. "Lembro estar de neno na súa casa", comenta.

Julio Iglesias, coma o seu homónimo, tamén sae na televisión. É afeccionado á pesca e por iso protagonizou dous vídeos sobre Begonte. "Un foi para felicitar o Nadal, por parte do Concello, e outro de promoción turística que elaborou a Xunta".

En Begonte é máis coñecido que o cantante e á hora do xantar o seu restaurante tamén colga con frecuencia o cartel de cheo, coma nos concertos.

Pedro SánchezPEDRO SÁNCHEZ. Tamén é hostaleiro Pedro Sánchez. Chegou hai 28 anos de Navarra a Cervantes para facerse cargo da pousada da Campa da Braña. Nos Ancares é máis coñecido ca o presidente do Goberno e pola súa casa leva pasado máis xente que pola Moncloa.

Pedro Sánchez ten unha pousada en Cervantes e leva con paciencia as bromas sobre política

Cando di o seu nome escoita risas e comentarios, "pero nada fuera del cachondeo habitual". Di que non ten "anécdotas destacadas", pero tal vez porque o outro Pedro Sánchez é relativamente novo no oficio de famoso e aínda non lle deu tempo a xuntalas.

Pablo IglesiasPABLO IGLESIAS. É de Chantada, estuda o grao en Educación Primaria en Ourense e tamén ten nome de político. Di que cando pasan lista na universidade é frecuente ver sorrisos ou miradas de complicidade. "A xente de confianza gástame algunha broma, pero eu lévoo moi ben, non me parece mal. A algúns profesores tamén lles dá a risa cando chegan a min na lista", explica.

Pablo Iglesias ten nome de político por duplicado. É de Chantada e quere dedicarse á docencia

O nome de Pablo Iglesias saltou á actualidade máis recente polo impulsor de Podemos, pero xa antes o levara outro político destacado, o fundador do PSOE e de UXT. "Os meus pais non tiveron en conta a ningún dos dous cando escolleron ese nome para min hai 20 anos. Do de Podemos aínda non se sabía nada e o do PSOE non tiña tanto protagonismo nese momento", apunta.

E o curioso é que ao Pablo Iglesias de Chantada tamén lle interesa a política, aínda que "non tanto como para dedicarme a iso. Estou atento ao día a día, nada máis, pero con este nome seguro que triunfaba", bromea.

Comentarios